A proposta do grupo de goberno de destinar 420.000 euros para a construción do futuro Museo Angel Barros na Avenida Mendiño non saíu adiante tras votar en contra da proposta PP e BNG. Os populares entenden que o proxecto “é pouco ambicioso” polo que pedían que a iniciativa quedara na mesa para “repensar a actuación”. Os nacionalistas avogaron tamén por un cambio que pasaría por trasladar ese futuro museo na recentemente adquirida Villa Elisa e deixar as novas instalacións para unha futura biblioteca.
A proposta do goberno local para a construción do novo Museo Municipal, que albergará a obra pictórica doada por Angel Barros atopouse onte cun novo atranco. A actuación prevé un investimento de 1.167.000 euros a financiar conxuntamente por Fondos europeos e fondos municipais. No pleno de onte debatíase destinar 420.000 euros do remanente do Concello a esta obra que ademais de albergar os cadros do pintor redondelán tamén contará con aulas polivalentes para uso dos colectivos culturais.
A voceira socialista Rita Pérez convidaba ao resto dos grupos a votar a favor da iniciativa porque, advertía “se non sae adiante hoxe retrasamos a execucións do proxecto e podemos poñer en risco o seu financiamento”.
Malia estas advertencias, a iniciativa non saíu adiante ao non contar co apoio de ningún dos grupos da oposición.
Dende o BNG defendían unha reflexión previa sobre o futuro edificio que se prevé construir nas antigas casas dos mestres. Defenden que esas novas instalacións poidan albergar unha futura biblioteca que dea resposta as necesidades dun concello como Redondela e que o edificio adquirido recentemente polo Concello, coñecido como Villa Elisa, sería o máis axeitado para albergar instalacións museísticas nas que se amosaría a obra de Angel Barros.
Os populares solicitaban que o punto quedara sobre a mesa por tratarse dunha decisión que determinará o futuro da zona. Reclamaban que se analizara o espazo cunha visión “máis ambiciosa, integrando o museo nun proxecto máis amplo e mellor pensado para a cultura de Redondela”.
Rexeitaban os socialistas as críticas da oposición “o Museo de Angel Barros é un proxecto sólido, planificado e cofinanciado que busca cumprir un compromiso cun artista local que non dubidou en doar a súa obra coa única condición de que fora amosada nun espazo digno” afirmaba Rita Pérez.
O museo ocupará o espazo das antigas Casas dos mestres na avenida Mendiño contará con 750 metros cadrados repartidos en tres andares e varias salas de exposición. A instalación contará tamén con aulas polivalentes nas que poderán realizarse obradoiros, proxeccións ou charlas pensadas tamén para uso dos centros de ensino.
A licitación das obras está pendente dos trámites administrativos e, segundo o goberno local, está previsto que arranquen este ano malia que este revés no pleno de onte podería adiar novamente a súa construción que leva xa cinco anos de atraso logo de que o proxecto inicial quedara a medio camiño unha vez que a rehabilitación das casa dos mestres no foi posible e se optou por derrubar o antigo inmoble para realizar unhas instalacións completamente novas.









