Foto de Alberto Ladero
Perro Futuro chega a Redondela para un concerto de rock fresco na discoteca La Fábrica este sábado 28 de febreiro, xunto aos leoneses Lionsway. Esta actuación marca a estrea do trío galego-leonés na vila, nun espazo emblemático que, segundo a banda, podería converterse nun referente para revitalizar a escena musical local en inverno, con máis bolos en salas e unha oferta cultural máis dinámica para o público de Redondela e arredores. As entradas anticipadas custan 10 euros e pódense mercar en Masqueticket, Pub Aquelarre ou Dream and Drum.
O debut en directo da banda foi en setembro de 2024 e dende entón non pararon. Sacaron singles como “Volveremos Fuertes”, “Puro Cristal”, “La Faraona” e “Rey María”, reunidos nun EP. “Gravamos nos mesmos, mesturamos e masterizamos fora”, conta Suso. “Fomos sacando tema por tema porque tiñamos concertos e precisabamos enganche. Agora estamos rematando outros tres ou catro para outro EP físico, que a xente aínda lle gusta mercar no merchan despois dun bolo”. Diego reflexiona sobre a industria: “É máis complicado facer orixinais que covers, pero queríamos iso. As plataformas dan visibilidade, pero regalas a música e o músico pequeno ve céntimos. Sacar singles permite anunciar cousas novas para animar á xente, gañar tempo e cartos dos bolos para reinvestir; todo o facemos nos: vídeos, promos…”.
En La Fábrica, compartirán escenario con Lionsway, con quen teñen lazos dende hai anos. “Coincidimos con eles en Bembrive coa miña outra banda”, di Diego. “Son xente cojonuda, tocan moi ben”. Suso detalla: “Contactáronnos para tocar en León, tratáronnos de marabilla, e agora traémolos aquí como intercambio. A Fábrica púxonos todo fácil, e iso hai que agradecelo. En Redondela falta ambiente de salas en inverno, e esta pode ser unha semente para traer máis bandas, apoiar a escena e que medre algo grande”. Xa hai máis de 80 entradas vendidas, aínda que “aquí a xente apúntase á última hora, non é terra de anticipadas”.
Perro Futuro non se encaixona, pero encaixa no rock nacional cun toque divertido e con raíces en Vigo e Ponferrada. “A distancia complícanos ensaios, pero intercambiamos pistas por internet”, din. Para quen non os coñeza: “Vide ao concerto, escoitade ‘Volveremos Fuertes’ e veredes que deixamos bo rollo”. Unha banda “currante” con ganas de tocar, e esta cita en La Fábrica podería avivar a chama musical en salas.
Perro Futuro toca en Redondela este sábado na discoteca La Fábrica, xunto aos leoneses Lionsway. Pero antes estarán o venres 27 de febreiro no Pub Clandestino en Ribeira (A Coruña).









