A veciñanza do barrio da Portela en Cedeira amosa o seu malestar polos atrasos nas obras que manteñen cortada dende hai semanas a estrada que conecta as numerosas vivendas da zona coa N-552. O peche desta vía dende o pasado mes de setembro, cando comezaron os traballos de reparación da ponte sobre a liña ferroviaria, obriga aos residentes a realizar un importante rodeo polo centro da vila para chegar aos seus domicilios. Esixen de ADIF que acelere os traballos que xa levan un mes de atraso respecto da data prevista.
O peche desta estrada supón para os seus usuarios e para a veciñanza importantes molestias. Un dos afectados Eduardo Otero, explica que a rapazada non pode acceder ao transporte escolar. Unha situación que afecta tamén aos usuarios do transporte público que queren coller o autobús a Vigo. Critican os atrasos que afectan a obra xa que estaba previsto que as obras estiveran rematadas en xaneiro.
A veciñanza comprende os prexuizos que causan as obras, pero denuncian que hai semanas nas que non se ve ningún operario traballando. Entenden que hai actuacións concretas que poden demorarse polo mal tempo, pero aseguran que hai outros traballos que se poderían realizar e que están paralizados. “Durante boa parte deste mes de febreiro non houbo ningunha actividade” explican os afectados.
O primeiro prazo comprometido por ADIF estimaba o remate da obra para finais de xaneiro, data que se ampliou posteriormente a mediados de febreiro”. A nova data pospón xa o remate dos traballo a terceira semana de marzo. Os veciños avisan que non están dispostos a aceptar novas demoras e amezan con mobilizacións se non se abre a estrada o vindeiro mes.
Os traballos que se están a realizar consisten na ampliación da antiga ponte sobre a vía ferroviaria que pasará de 5 metros de anchura a 8,5 con dous carrís e beirarrúas.










