Hoxe é Venres 27 de Febreiro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A reforma do Campo da Gándara suporá un investimento de case medio millón de euros

campo dagándara

O Concello de Redondela levará a Pleno a reforma integral do campo de fútbol da Gándara, no Viso, que incluirá unha nova base con asfaltado de toda a superficie, o cambio do céspede e melloras na drenaxe e o rego. Malia que a instalación deportiva foi renovada hai menos dunha década, o campo presenta importantes eivas que comprometen a seguridades dos usuarios polo que se prevé acometer unha renovación integral que suporá un investimento de 469.280 euros.

O goberno local argumenta esta actuación ante a necesidade urxente de intervir no Campo de Fútbol da Gándara, na parroquia do Viso polo “avanzado estado de deterioración que presenta, malia levar pouco tempo construída”. Segundo os informes técnicos, o terreo de xogo sofre deficiencias significativas tanto no céspede sintético como na súa base estrutural, o que afecta directamente á calidade do xogo e, fundamentalmente, á seguridade das persoas usuarias. Os expertos advirten que o sistema estrutural inferior “xa non garante unha superficie óptima, o que provoca irregularidades no terreo e problemas de drenaxe que aumentan o risco de lesións”.

A actuación proposta polo Concello contempla unha renovación integral que incluirá a retirada completa da manta actual e da base elástica, a renovación da base con asfaltado de toda a superficie, novo céspede sintético de última xeración e melloras en canaletas, drenaxes, barandas, redes e sistemas de rego. A obra, orzamentada en 469.280 euros, financiarase con fondos propios do Remanente de Tesouraría.

A alcaldesa, Digna Rivas, explica que o proxecto orixinal, realizado en 2017 polo anterior goberno, presentaba “importantes eivas, sobre todo na base da superficie baixo o terreo de xogo, e agora deben emendarse” e non se axustaba ás necesidades do terreo e das condicións meteorolóxicas da zona. Segundo os técnicos, o material máis axeitado para este tipo de terreo, pola súa climatoloxía, sería unha base de asfalto pero o proxecto realizado estableceu que o firme fose de xabre o que está a xerar problemas de drenaxe baixo o céspede e provoca graves irregularidades no firme.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará