A Praza do Concello acolle este mércores 25 ás 19:30 horas unha concentración en defensa do ensino público á que están chamados a participar pais e nais, profesorado e alumnado. Unha protesta que se repetirá en seis localidades do sur da provincia e que reivindica a mellora das infraestruturas e o mantemento nos centros, máis profesorado para a atención á diversidade e defensa do ensino no rural.
A comunidade educativa de Redondela, Pazos de Borbén, Soutomaior e Vilaboa está chamada a concentrarse esta tarde ás portas do Concello. Unha mobilización conxunta de profesorado, alumnado e asociación de pais e nais que unen forzas para reivindicar melloras para o ensino público explica o presidente da Federación de Anpas de Redondela, José Manuel Lago.
Esta convocatoria, explican os convocantes “xorde da preocupación compartida pola situación que viven os centros educativos galegos”. Denuncian graves deficiencias nas instalacións de numerosos centros, falta de persoal e de recursos, así como recortes que afectan directamente á atención á diversidade e á inclusión do alumnado. A iso súmase, aseguran, unha sobrecarga crecente que recae tanto no profesorado como nas familias.
O problema dos ratios con aulas con 30 alumnos sería o máis preocupante ao entender do profesor de Soutomaior Darío Carreraxa que dificulta o desenvolvemento das clases, sobre todo porque hai moito alumnado con necesidades específicas que precisarían dunha atención personalizada que non se lles está a ofrecer.
Dende a Anpa do Mediño, explica Daniel Boullosa, que o seu centro presenta problemáticas semellantes ao restos dos colexios e institutos. Pon o foco tamén nas carencias consecuencia da política da Consellería de que un mesmo profesor teña que atender varios centros o que dificulta o seu traballo.
Os convocantes afirman que o actual curso está a ser “especialmente duro” e advirten de que a acumulación de problemas estruturais, unida á falta de respostas eficaces por parte da Administración, está a xerar unha situación “insustentable” nos centros. “Non se trata de demandas puntuais nin illadas, senón dunha problemática de fondo que require compromiso político e medidas concretas e inmediatas por parte da Consellería”, sinalan.
Finalmente poñen tamén sobre a mesa a problemática do ensino no rural e o risco de peche de escolas pola falta de alumnado.
Para atallar todos estes problemas e reclamar un ensino público de calidade fan un chamamento á participación activa de toda a sociedade civil na protesta desta tarde.










