Hoxe é Martes 24 de Febreiro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Rematan os traballos de rexeneración dunar da praia de Cesantes

WhatsApp Image 2026-02-23 at 16.20.49

A bióloga Ana Vázquez, responsable do desenvolvemento dos traballos de rexeneración da zona dunar da Praia de Cesantes, fixo un balance positivo dos traballos que remataron fai dous meses e que tiveron o apoio do Concello de Redondela. Centrouse principalmente na eliminación manual da especie exótica invasora coñecida como margarida africana.

Os traballos consistiron nunha caracterización detallada da zona dunar, parcelando o terreo en cuadrículas de 15 × 15 metros —máis de 400 parcelas en total— para avaliar o grao de invasión desta planta sudafricana, unha das principais ameazas para os ecosistemas costeiros galegos. Tras este diagnóstico, realizouse unha erradicación selectiva e exhaustiva do 100 % dos exemplares vivos, retirando un total de 2.040 quilos de biomasa vexetal.

“Foi un traballo moi longo e tedioso. Cando vimos que tiñamos máis de 400 parcelas, pensamos que ía ser ser duro. Pero co apoio recibido, seguimos adiante e o resultado foi máis que satisfactorio”, explica Ana Vázquez. A intervención non só eliminou a planta invasora, senón que tamén permitiu recoller datos valiosos sobre a súa distribución e comportamento: “Descubrimos manchas moi concentradas con individuos adultos de até 30 cm de diámetro, mentres que noutras zonas só había dous quilos, pero de plantiñas moi pequenas”.

Un dos achados máis relevantes foi a preferencia da margarida africana por certas condicións ambientais. “Aguanta ben a salinidade, pero non lle gusta que a auga do mar a cubra durante as mareas altas. Por iso, zonas como a do Parque dos Nenos, que se inundan con frecuencia, estaban libres dela. Isto axúdanos a focalizar esforzos futuros. Non fai falta actuar onde a marea a elimina de forma natural”, sinala a bióloga.

A intervención tivo tamén un compoñente divulgativo. Durante os meses de traballo, moitos veciños e usuarios da praia achegáronse a preguntar e a pedir consellos para xestionar plantas invasoras nos seus xardíns. “A xente empezou a recoñecela, a entender que non hai que pisoteala cando está en flor ou con sementes porque dispersamos miles delas coas solas dos zapatos. É máis valioso que a cidadanía coñeza a especie e actúe de forma responsable”, destaca Ana Vázquez.

A pesar da retirada total nesta fase, a experta é realista: “En bioloxía non podemos falar de solucións definitivas. Sabemos que o banco de sementes da margarida africana pode permanecer activo polo menos catro anos, polo que haberá rebrotes. O problema non é só eliminar o que hai agora, senón evitar que volva entrar por dispersión humana, que é a principal vía de expansión desta especie en toda a costa galega”.

A curto prazo, os cambios na paisaxe serán progresivos. “A zona da Virxe, onde había unha mata enorme e moi visible, agora está moito máis limpa. A xente que pasea a diario vai notar esa diferenza. Porén, en primavera poderemos ver rebrotes masivos nalgunhas áreas se non se fai seguimento”, advirte.

A bióloga subliña a importancia de manter o esforzo no tempo: “Non vale facer unha actuación puntual e deixalo así. Hai que seguir monitorizando, intervindo cando sexa preciso e, sobre todo, apostar pola divulgación”.

Imaxe da especie exótica invasora coñecida como margarida africana, atopada en Cesantes.
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará