O alumnado voluntario recibirá formación intensiva os días 25 e 26 de febreiro no Multiúsos da Xunqueira para aprender a previr e resolver conflitos, converténdose en protagonistas activos do benestar emocional do centro. O obxectivo é crear Equipos de Axuda deseñados para implicar ao alumnado na mellora do clima escolar a través do programa deseñado polo psicólogo José María Avilés, quen participará nas xornadas formativas.
Durante os dous días de formación, o alumnado que foi seleccionado para integrar os Equipos de Axuda recibirá formación intensiva para aprender a escoitar, acompañar e orientar a outros compañeiros e compañeiras ante dificultades cotiás.
Unha vez formados, o papel fundamental destes equipos será o de acompañar ante problemas de relacións, conflitos na aula ou situacións de illamento. Todo este labor realizarase sempre baixo a supervisión e o seguimento do profesorado do centro.
Este programa de intervención, amplamente recoñecido no ámbito educativo e da investigación, foi creado por José María Avilés, doutor en Psicoloxía pola Universidade de Valladolid, especializado en convivencia escolar positiva e prevención da violencia, o acoso e o ciberacoso.
O propio Avilés participará como formador nas xornadas, onde tamén estará implicado o profesorado do equipo de convivencia do centro. Así mesmo, o acto de clausura contará coa representación institucional da alcaldesa do concello de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Educación, Alberto Álvarez, así como coa presenza especial da monologuista Arantxa Treus como madriña das xornadas.
Con este proxecto, o IES de Chapela avanza cara a un modelo de convivencia positiva, onde as mozas e mozos deixan de ser suxeitos pasivos para converterse en protagonistas activos da seguridade e o benestar emocional do seu centro.









