Novo corpo técnico do Choco: Á esquerda Suso (segundo ao mando) e á dereita Álvaro Soto
Foto de Xeila Fervenza
O Club Deportivo Choco xa ten novo técnico. Tras a marcha de Alberto Rabadán, Álvaro Soto colle as rendas do primeiro equipo co obxectivo claro de conseguir a salvación na Preferente.
A primeira sensación é que chega con ilusión e coas pilas cargadas.“Levo adestrando máis de 25 anos, desde categorías base ata a Preferente, que foi o tope que tiven”, conta. Non é un descoñecido no Choco, xa estivo media tempada no club co Xuvenil fai 15 anos e tivo que marchar por problemas persoais. “Collinlle un agarimo especial. É como que tiña unha pequena espiña cravada, como unha pequena débeda”, recoñece. Agora regresa cunha responsabilidade un pouco maior, pero sen perder a esperanza. “Non está dito todo, aínda se pode”.
O que máis lle motivou a aceptar foi o reto que supón. “O obxectivo agora é sacar o máximo dos rapaces e volver a motivalos. O factor psicolóxico aquí é moi importante. Ás veces simplemente animar, cambiar o ritmo, traer outras forzas fai moito. Vou intentar cambiar esa mentalidade e esa dinámica”. Ten claro que o equipo ten potencial: “Teñen condicións, só lles falta un pouco de confianza e de experiencia na categoría. E ese é o rol dun xogador veterano. Por desgraza sufrimos xa algunha baixa como a de Ronald”.
Soto xa viviu situacións parecidas no Clutural Areas e sobre todo no CD Umia, onde chegou na metade da tempada e acabou salvando o equipo. Pero avisa que cada caso é distinto, “en Umia tiña un grupo máis veterano polo que se irá vendo día a día”.
Estreouse xa o pasado domingo e conseguiu un empate a dous contra o Portonovo. Dese punto saca conclusións positivas. “Os rapaces saíron contentos. Nos primeiros 15-20 minutos demostraron moitas ganas e fame de gañar. Íamos gañando 2-0 e tivemos outra xogada para o 3-0. Despois o partido foi o que esperabamos nun campo complicado que acabou superándonos. O que queda é que os rapaces demostran que poden, que teñen condicións espectaculares. Hai que darlles un pouco de orde e pouco máis”. Sabe que na defensa hai traballo por facer: “por dous erros nosos acabamos empatando un partido”, pero insiste en que o equipo deu a cara e competiu moi ben. “Boas sensacións”.
Sobre os puntos que fan falta para salvarse, é prudente: “Cada ano é diferente. O obxectivo debería ser chegar aos 40”.
O próximo partido será na casa no campo de Santa Mariña contra o CP Alternavia, un partido clave. “Creo que é clave para nós. Estamos igualados a puntos na clasificación e hai que dar un golpe na mesa”. Por iso fai un chamamento á afección: “Que acudan, que animen. É moi importante. Moitos destes rapaces son da casa, saen do xuvenil. Hai que intentar que se sintan cómodos e empuxados pola afección”.
Un adeus con clase de Alberto Rabadán
A decisión de cambiar de técnico non foi improvisada. O propio Alberto Rabadán recoñeceu que se apartou despois de meditalo moito e con moita dor: “Quixen poñerllo fácil ao club e dar un cambio de dinámica. Non foi nada fácil para min, pero con humildade creo que o primeiro son os xogadores e iso está moito por riba do meu título de adestrador”.
A presidenta Virginia Ricón non quixo deixar pasar a ocasión de valorar o xesto: “Alberto Rabadán sempre terá as portas abertas no CD Choco. Votouse a un lado polo ben do equipo e iso non o fai calquera; todo isto di moito da súa persoa”. E engadiu unha mensaxe directa aos rapaces: “Non está todo perdido. Moitos teñen entre 20 e 23 anos e capacidade de sobra. Só lles falta un cambio de dinámica e ese empurrón que pode que dea este novo xiro no corpo técnico. Agora toca coller impulso”.
Un relevo feito con respecto, humildade e mirando sempre polo mesmo: o futuro do Choco.










