Hoxe é Luns 23 de Febreiro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Eurored e o Concello de Redondela forman a mariscadoras como redeiras para combater a crise no sector

0a517f77-690a-481c-80c5-a11f6bc29395 (1)

Instalacións de Eurored onde se imparte o curso.

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Igualdade e en colaboración coa empresa Grupo Eurored, acaba de poñer en marcha un curso de formación técnica no mundo da redería, enfocado especialmente nas mariscadoras da zona. Chámase “Confección de Aparellos de Pesca” e a idea é darlles ferramentas para diversificar o seu traballo, sobre todo nesa disciplina que tanto se demanda no sector náutico-pesqueiro e que case ninguén quere facer hoxe en día. O obxectivo é que cando o mar non deixe saír, poderían botar man de ser redeiras e quedarse no mesmo sector.

Javier Blanco, o director técnico de Grupo Eurored e o que imparte o curso, destacou que é a primeira vez que fan algo así e que ten un potencial tremendo na práctica. “A teoría é que saiades de aquí traballando como redeiras, tanto na teoría como na práctica. A idea principal é que poidades atopar outro traballo ademais do que xa tendes, compaxinando ambos”, explica.

Mesmo falou de oportunidades reais, como incorporarse ao seu propio equipo en Eurored. E reflexionou un pouco sobre como se están perdendo as vellas tradicións: “Antes, o traballo de redes facíase a nivel familiar: o pai pescaba, o fillo continuaba e toda a familia reparaba as redes. Hoxe en día, iso estase perdendo. Como hai falta de xente que queira facelo, tamén hai moitas posibilidades de que poidades cubrir ese traballo”.

Pola súa banda, Ana Belén Sotelino, unha das mariscadoras que está no curso, botou luz sobre o que lles pasa no sector, que é un dos motivos polos que necesitan esta diversificación. “A perda de recursos foi tremenda: o 90% do que sementamos nos viveiros durante estes dous anos está morto, e agora mesmo non temos moito recurso”, contou ela. Describiu a cousa como moi precaria: “Estamos pendentes dun cese de actividade que aínda non nos contestaron, a economía non está para botar foguetes. Está claro que ser mariscadora non ten moita saída laboral nin relevo xeracional. Hai un problema no mar, e diversificar o noso traballo, complementalo con outra cousa, é clave para apoiar as familias, as mulleres e os homes. Para a próxima, se a hai, que poidan entrar os compañeiros que quedaron fóra. É unha saída laboral para a xente que lle gusta o mar e de todo o relacionado con el, que nos dá a cultura que temos na nosa ría”. E engadiu que o cambio climático está complicando todo aínda máis, coa mortaldade alta dos bivalvos, e que poder traballar como redeiras sería un apoio enorme para as familias.

A alcaldesa Digna Rivas agradeceu a Eurored e eloxiou a xente como Javier Blanco, que leva 30 anos no oficio e é “o mellor para dar esta formación ás nosas mariscadoras máis expertas”. Explicou que o curso lles abre portas a un emprego alternativo real, nun campo con moita demanda no mar. “O saber non ocupa lugar, e esta é unha das profesións con máis demanda agora mesmo. Parécenos importante aproveitalo pola situación que viven as mariscadoras, que está prexudicándoas a elas e ás súas familias. Dende o Concello de Redondela, queremos dar ese impulso para que poidan ter formación e traballar “, rematou . Ademais, destacou que o traballo das mariscadoras é moi estacional, limitado polas vedas e o tempo, e que esta iniciativa xurdiu da súa propia petición para xerar emprego cualificado.

O curso, que dura dous meses, cubre dende o uso de materiais e fibras ata cálculos complexos para montaxes, con competencias clave como técnicas de corte, confección, mantemento e reparación de redes para prolongar a súa vida útil. Inclúe montaxe de artes de cerco, arrastre e menores, e Blanco garante que as alumnas non só aprendan a teoría, senón os “segredos do oficio” que pide a frota profesional. Para Eurored, esta colaboración é unha forma de fortalecer o tecido local, convertendo o traballo artesanal nunha profesión técnica máis estable.. Son 12 mariscadoras as que participan, e está financiado con máis de 13.000 euros a través da Concellería de Igualdade.

No acto de presentación, estaban a alcaldesa Digna Rivas, acompañada pola concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Iria Vilaboa; o concelleiro de Medio Ambiente e Emprego, Alberto Álvarez; e tamén as responsables de Recursos Humanos, Prevención de Riscos e Formación de Eurored, Maryta Lazarte e Rosa Soliño, xunto con Blanco.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará