Luces de Tomiño, unha das comparsas participates este domingo en Redondela
Redondela e Soutomaior deixan un intenso programa de actividades esta fin de semana co gallo do entroido.
En Redondela a primeira das propostas lévanos a Chapela onde este sábado 21 de febreiro celebrarase o tradicional enterro do Berete cunha comitiva que partirá dende as seis da tarde dende o Alto da Encarnación para rematar na praia de Arealonga onde terá lugar a queima do Berete e soará a música do grupo América de Vigo. Ao día seguinte celebrase un inusual desfile de comparsas matinal no centro de Redondela.
En Soutomaior o enterro da sardiña celébrase este venres 20 de febreiro. O velorio está convocado ás 19:30h, con saída do cortexo fúnebre ás 20:00h da Praza Cima de Vila. O desfile concurso será o domingo con inicio ás 17:30horas dende o cruce do Viso e participación dun total de 15 comparsas.
Dobre cita polo tanto en ambos concellos onde as comparsas encherán de luz e de cor as rúas. A comparsa de Trazos, a de Andaina e Tío Emilio son algunhas das comparsas de Redondela que participarán no desfile do domingo a partir das 11:30 horas polo centro da vila. Pero son moitas máis as que elixen Redondela para amosar un traballo que levan realizando dende hai meses. É o caso da comparsa Luces de Tomiño, unha habitual no noso concello por ter entre os seus integrantes a moitos veciños e veciñas de Redondela.
Nesta edición chegarán cunha proposta que leva por título “Entre a lúa e o lume: lendas vivas galaicas” centrada nos mitos e lendas galegas. Non faltará un dragón de grandes dimensións que abrirá a comitiva seguido da Santa Compaña, os druídas e outros personaxes lendarios.
Detrás un traballo de meses, porque a filosofía desta comparsa, segundo nos explicaba o seu presidente Luís Rodríguez, é facer todo a man e non mercar nada xa feito. Lamentan que non sempre os xurados teñan en conta esa manufactura e o traballo que hai detrás de cada traxe.
Os máis de sesenta participantes desta comparsa estarán na rúa o vindeiro domingo.














