Hoxe é Venres 20 de Febreiro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O BNG insta a remunicipalizar o servizo de recollida do lixo tras 20 anos de incumprimentos de Urbaser

urbaser-redondela-750x375

Os nacionalistas levarán a pleno unha moción na que reclaman ao goberno local que prepare a remunicipalización do servizo de recollida do lixo de cara ao vindeiro 2027, data na que remata a concesión á empresa Urbaser. Entenden que “despois do fracasado modelo de xestión destes anos” compre recuperar a xestión directa e que o concello aposte por un modelo máis rendible, transparente e respectuoso co medio ambiente.

O voceiro nacionalista, Xoán Carlos González defende que o goberno municipal asuma directamente un servizo que “por lei está obrigado a prestar sen intermediarios”. Na súa argumentación afirma que dende o punto de vista medioambiental a xestión directa vai no camiño de maior conciencia e redución en orixe dos residuos urbanos e cuestiona a fórmula baseada nos criterios dunha empresa privada que “o que busca unicamente é a xeración de beneficios económicos”. Neste sentido apunta que para a empresa concesionaria “a maior volume de residuos, maiores ingresos” e critica tamén que ninguén estea a controlar “os ingresos extra que a Urbaser lle xera a venda de materiais reciclados como o papel e cartón, o vidro e o plástico”.

Critica tamén o servizo ofrecido por Urbaser nestas dúas décadas “nas que ten incumprido sistematicamente as obrigas do contrato non recollendo a totalidade dos contenedores, non repoñendo os que están en mal estado e non acometendo a súa limpeza en condicións. Respecto da recollida de voluminosos e electrodomésticos asegura que “a concesionaria deixa toda a responsabilidade nos veciños e veciñas, quedando en moitas ocasións restos durante días sen que a empresa se faga cargo delas”.

Outro dos puntos que valoran os nacionalistas son as condicións laborais dos traballadores da recollida do lixo.

Por todos estes motivos o BNG instan ao goberno de Rivas a aproveitar os catorce meses que restan para a finalización do contrato con Urbaser para realizar todo o proceso de fiscalización e xestión burocrática para o retorno do servizo e camiñar cara “un novo modelo de tratamento no que a separación e a reutilización convertiranse nos piares do tratamento do lixo”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará