Hoxe é Venres 20 de Febreiro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Mobilización o mércores en defensa do ensino público

anpas

Asembleas de profesorado, federacións de ANPAS e colectivos educativos convocan mobilizacións en seis puntos do sur da provincia de Pontevedra para esixir solucións urxentes e reais. En Redondela a protesta terá lugar o mércores 25 ás 19:30 horas na Praza onde se dará cita a comunidade educativa de Redondela, Pazos de Borbén, Soutomaior e Vilaboa.

Esta convocatoria, explican os convocantes “xorde da preocupación compartida pola situación que viven os centros educativos galegos”. Denuncian graves deficiencias nas instalacións de numerosos centros, falta de persoal e de recursos, así como recortes que afectan directamente á atención á diversidade e á inclusión do alumnado. A iso súmase, aseguran, unha sobrecarga crecente que recae tanto no profesorado como nas familias.

Os convocantes afirman que o actual curso está a ser “especialmente duro” e advirten de que a acumulación de problemas estruturais, unida á falta de respostas eficaces por parte da Administración, está a xerar unha situación “insustentable” nos centros. “Non se trata de demandas puntuais nin illadas, senón dunha problemática de fondo que require compromiso político e medidas concretas e inmediatas por parte da Consellería”, sinalan.

Desde a organización insisten en que a situación é límite para o conxunto da comunidade educativa e apelan ao traballo conxunto para impulsar “accións unitarias e masivas”. “Non aceptamos que se normalicen as carencias nin que se invisibilicen as dificultades que afectan ao día a día do ensino público. A educación é un dereito fundamental e un alicerce básico da nosa sociedade”, subliñan.

Por todo isto, fan un chamamento á participación activa de toda a sociedade civil. “Non está en xogo a situación dun centro concreto, senón o modelo educativo que queremos para Galicia. O 25 de febreiro saímos á rúa por un ensino público forte, inclusiva e con recursos suficientes. Só coa mobilización colectiva lograremos os cambios que o noso alumnado merece”, conclúen.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará