O “Vieira board game” chega este fin de semana a Vilar de Infesta. A casa da cultura da parroquia acollerá o domingo 22 unha tarde de xogos de mesa para todas as idades. O obxectivo é reunir a veciñanza para que recuperen o pracer de botar unha partida de cartas, xogar un trivial ou entreterse ante un taboleiro de xadrez ou do parchís.
A organización do evento busca celebrar unha actividade que se aparte das pantallas e na que cobren protagonismo xogos que fomenten a convivencia, o encontro veciñal e o lecer saudable. Unha idea que parte dun grupo de amigos e amigas que foi medrando ata converterse nunha cita que nace con vocación de continuidade.
Explica Mirian Cortizo que a actividade desenvolverase entre as 16:00 e as 20:00 horas do domingo, habilitando diferentes mesas de xogo para público infantil (de 3 a 7 anos), xuvenil (para rapazada de máis de 8 anos) e zona de adultos, co obxectivo de crear un espazo inclusivo no que tanto pequenos como maiores poidan compartir tempo, aprender novas dinámicas e divertirse xuntos.
Como elemento central da xornada, o xogo do día será o de cartas de Pokémon, unha proposta moi popular que permitirá a quen se achegue coñecer mellor as regras, intercambiar experiencias e participar en partidas guiadas, tanto para quen xa xoga habitualmente como para quen queira iniciarse por primeira vez.
Desde a organización destacan a importancia de impulsar actividades deste tipo, con xogos presenciais nos que se fomente a interacción e que contribúan a fortalecer a vida comunitaria, ofrecer alternativas de lecer educativo máis alá do entorno dixital e das pantallas, sobre todo na xuventude, e dinamizar os espazos culturais das parroquias.
A actividade é gratuíta e aberta, sen necesidade de inscrición previa.










