O BNG da localidade denuncia a precariedade do transporte público e reclama no pleno que se celebra hoxe que se inste a Xunta a elaborar un Plan de Mobilidade Rural para o concello que cubra as necesidades da veciñanza. Solicitan que se mellore o número de frecuencias as conexións con Redondela, Vigo e Pontevedra. Solicitan tamén a revisión das paradas.
Explican os nacionalistas que malia existir sobre o papel varias liñas de autobús que atravesan o municipio, a realidade é que os horarios e frecuencias actuais non permiten o uso normal do transporte público. “Hai buses, pero non hai un servizo útil nin continuo que permita ir ao médico, traballar, estudar ou facer xestións sen depender do coche”, sinalan.
A formación nacionalista advirte que varias das liñas que pasan por Pazos de Borbén funcionan con frecuencias moi limitadas, algunhas cunha soa expedición diaria, e outras catalogadas como servizo reducido, é dicir, non como liñas regulares abertas ao conxunto da poboación, senón ligadas a usos moi concretos, moitas veces escolares. Un tipo de servizos que non garante o dereito á mobilidade e non pode considerarse unha solución real para un concello rural, explican.
A situación, segundo o BNG, afecta especialmente ás persoas maiores, á mocidade e a quen non dispón de vehículo propio, e contribúe ao illamento do rural e á perda de poboación. “Se queremos falar en serio de fixar xente no rural, o transporte público non pode ser unha anécdota nin un parche”, afirman.
A moción que se debaterá no pleno propón que a Xunta elabore un Plan de Mobilidade Rural para Pazos de Borbén que inclúa o aumento de frecuencias, a revisión das paradas, a ampliación do servizo a fins de semana, a conversión dos servizos reducidos en liñas regulares e unha mellor conexión cos núcleos de referencia como Redondela, Vigo e Pontevedra. Ademais, solicítase a creación dunha comisión de seguimento para avaliar a evolución do servizo.









