O Entroido en Chapela celebrarase este sábado 21 de febreiro coa tradicional comitiva que partirá dende as seis da tarde dende o Alto da Encarnación para rematar na praia de Arealonga onde terá lugar a queima do Berete e soará a música do grupo América de Vigo. Ao día seguinte celebrase un inusual desfile de comparsas matinal no centro de Redondela. Unhas actividades que chegan logo da queima do Meco que se viu deslucida pola chuvia.
Máis calidade nos disfraces pero menos participación foi o que se viviu este martes de entroido en Redondela. O mal tempo desanimou á veciñanza a botarse á rúa de xeito tan masivo como en anos anteriores. Malia que non faltaron as tradicionais comidas si foi menor a afluencia de público nun día que tradicionalmente está marcado pola festa e a animación no centro da vila.
Con todo, celebrouse un vistoso Desfile-Concurso de Disfraces, que contou con dúas modalidades principais: individual e colectiva (incluíndo parellas e grupos).
Na modalidade individual, o primeiro premio foi para Carrusel, unha peza elaborada íntegramente a man pola nai da pequena participante en tan só dúas semanas, destacando polo coidado artesanal e o detalle; o segundo premio recaeu en Medusita. Na categoría de parellas, o primeiro posto foi para Almanaques e o segundo para Rapunzel. Finalmente, na modalidade de grupos, o primeiro premio foi para A Coca é Nosa, unha proposta inspirada na tradición da Coca de Redondela, figura mitolóxica emblemática da vila que representa a loita entre o ben e o mal e que dá nome a unha das celebracións máis antigas e arraigadas do municipio e fixérono cun toque de “empoderamento feminino”; o segundo premio foi para a comparsa Pandilla Pirata – Caimán Negro de Catapeixe, formada por pais, nais, nenos e nenas de 6º de Educación Infantil do CEIP A Marisma, cuxo nome fai referencia ao personaxe “Caimán Negro”, protagonista dos populares libros infantís da autora galega Susanna Isern, moi queridos polos máis pequenos.
A outra gran cita da xornada foi a queima do Meco que congregou numeroso público nas inmediacións da praza do Concello. Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán” foi o encargado de ler o pregón. Unha intervención que arrancou co son dunha alarma nuclear. O manifestou lembrou que “non é unha película, non é ficción” porque a ameaza nuclear existe cando no mundo manda un home “con demasiado ego, demasiado odio, demasiado medo” en referencia a Donal Trump protagonista este ano do Meco que ardeu ao berro de “Lume aos muros, lume ás deportacións, aos bulos e á manipulación”.
Enterro do Berete
A festa continuará o sábado en Chapela. As comparsas reuniranse ás 17.00 horas no alto da Encarnación con saída prevista unha hora despois acompañadas polos percusionistas e tamborileiros de Aperta. A queima do Berete está prevista para ás 20.15 na praia de Arealonga. A xornada pecharase co concerto do grupo América de Vigo que ofrecerá un gran espectáculo co seu tributo a toda a historia do rock and roll, facendo un repaso dos grandes éxitos de todos os tempos. Será a partir das 21.00 horas no paseo marítimo de Chapela e con sesión do Dj Mesu.
Despile de comparsas
O dia 22 chegará o desfile de comparsas previsto para o pasado domingo e que foi posposto polo mal tempo. Unha cita que terá como particularidade o feito de celebrarse en horario matinal para facilitar a participación das comparsas que xa tiñan axendada esa tarde noutros entroidos.









