Adrián Vilaboa é un redondelán que combina a súa paixón pola música coa artesanía de alto nivel como técnico especializado en instrumentos de vento. Saxofonista formado no grao profesional no Conservatorio de Redondela e con estudos superiores (Bachelor e Máster) na Holanda, fundou en 2019 Vima Instruments, un taller dedicado á reparación, revisión, limpeza, axuste e restauración de saxofóns, clarinetes, flautas e outros instrumentos de vento madeira e metal. Tras anos de formación intensiva con mestres europeos como Nico Bodewes en Ámsterdam e no servizo técnico oficial de Selmer en París, regresou a Redondela en 2024 para achegar este servizo profesional á súa terra.
Desde moi pequeno, Adrián mostrou interese pola música. Na escola, a clase de música era a súa favorita e, tras recibir unha frauta doce de madeira por Nadal, decidiu dar o paso. Así comezou todo e aos 11 anos entrou no conservatorio redondelán, onde logo iniciou co saxofón da man da directora Elisa Arias. Rematou o grao profesional en Redondela tanto en frauta como en saxofón. Despois, trasladouse a Holanda para cursar o bachelor e o máster en interpretación de saxofón na AMPA Fontys de Tilburg. Durante eses anos, compatibilizou a carreira musical coa súa outra gran paixón: a reparación de instrumentos.
Tras máis de 14 anos de investimento constante en ferramentas, cursos e coñecementos prácticos, Adrián distingue tres tipos de técnicos: os “chapuzas”, os que realizan correctamente o traballo técnico e aqueles capaces de “ler” ao músico, comprendendo exactamente as súas necesidades en canto a son, afinación e resposta grazas á súa dobre experiencia como intérprete profesional e reparador.
En 2019 fundou Vima Instruments nos Países Baixos e en xaneiro de 2024 regresou a Redondela pola morriña e porque aquí hai moita actividade musical: bandas, escolas e musicos que necesitan coidado dos seus instrumentos. Hoxe o seu taller ofrece servizos de reparación, revisión, limpeza, axuste e restauración principalmente en saxofóns, clarinetes e frautas (vento madeira), e tamén en vento metal en xeral.
Unha das súas loitas é o recoñecemento oficial da profesión. En España non existe título reglado para técnicos de instrumentos de vento, aínda que a asociación Active leva anos traballando niso. Adrián cre que hai moito intrusismo, xente sen formación que cobra por reparacións mal feitas o que leva a instrumentos “destrozados” e clientes que pagan dúas veces.
Tamén fai fincapé no coidado diario: cun minuto ao rematar de tocar, limpando e secando, o instrumento dura moito máis e evítanse problemas de saúde (fungos ou bacterias que viven na humidade).
Como divulgador, Adrián comparte consellos prácticos en redes sociais @vimainstruments en Instagram e TikTok, e a web vimainstruments.com, onde explica limpezas, mantementos e mostra “bichos” atopados en instrumentos. A súa dobre faceta de músico e técnico permítelle conectar coas necesidades reais dos intérpretes.
@vimainstruments Después de arreglar la abolladura tocaba sacarle brillo ✨ #vimainstruments #luthier #instrumentrepair #musician #saxophone #paratii #fyp
♬ sonido original – Adrian – VIMA Instruments










