Hoxe é Martes 17 de Febreiro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela retoma o Entroido coa queima do Meco e o concerto de Mekanika Rolling Band

trump

O entroido retómase esta tarde en Redondela logo dos cambios que o mal tempo obrigou a introducir na programación da fin de semana. O desfile de comparsas será finalmente o domingo en horario de mañá co obxecto de garantir o maior número de participantes mentres que a programación de hoxe non se modifica. A partir das 16:00 horas o centro da vila permanecerá pechado ao tráfico para garantir a celebración do concurso de disfraces, o posterior espectáculo de Troula Animación e a queima do Meco prevista para as sete da tarde, cando a figura de Trump que estes días de pode ver na praza do Concello será pasto das lapas.  A xornada rematará co concerto de Mekanika Rolling Band na praza da Constitución.

O Entroido 2026 continúa este martes en Redondela. O departamento de cultura decidiu manter a programación prevista para hoxe ante as previsións que falan dunha xornada máis estable no meteorolóxico e tendo en conta que a veciñanza participará masivamente nas tradicionais comidas do martes de Entroido.

Para animar a tarde haberá  concurso e desfile de disfraces a partir das 17:00 horas na rúa Alfonso XII con inscrición previa nos soportais do Concello. A partir das cinco haberá obradoiros infantís na Alameda e animación musical a cargo de Percusionistas e tamborileiros Aperta.

Será a partir das 19:00 horas cando teña lugar o espectáculo “Hexagonum”, de Troula Animación, con pasarrúas de marionetas xigantes, proxeccións audiovisuais, pirotecnia e finalmente o lume que se encargará de reducir a cinzas a figura de Donald Trump. A festa continuará pola noite co concerto da Mekánica Rolling Band, co seu repertorio que mestura ritmos populares, punk brass e interacción co público. Desde as 20.30 horas na praza da Constitución.

Desfile de Comparsas

O desfile de comparsas finalmente celebrarase o domingo 22 en horario de mañá. O mal tempo desta fin de semana obrigou a adiar esta convocatoria que se celebrará nun horario pouco habitual pero o único posible para garantir a maior participación de comparsas, xa que son varias as agrupacións que tiñan comprometida a tarde do domingo con actuacións noutros concellos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará