O martes de Entroido, Redondela celebrou un dos días centrais da festividade, cunha xornada marcada pola participación masiva de veciños e veciñas de todas as idades. O programa comezou ás 16:00 h coa apertura de inscricións nos soportais do Concello. Ás 17:00 h deu comezo o Desfile-Concurso de Disfraces, que contou con dúas modalidades principais: individual e colectiva (incluíndo parellas e grupos). O percorrido encheu de cor e creatividade as rúas do centro, mentres que na Alameda Castelao se desenvolveron talleres infantís entre as 17:00 e as 19:30 h. Paralelamente, o grupo de percusión e pandereteiras Aperta achegou ritmo e animación ás rúas.
Ás 19:00 horas tivo lugar a entrega de premios, nun acto que recoñeceu o esforzo, a orixinalidade e o traballo detrás de cada disfraz.
O xurado estivo composto polo Mister RNB España Guillermo Lago, Ian dos Axentes do Cambio, Manolo Casa Paco e as concelleiras Rita Pérez e Iria Vilaboa
Na modalidade individual, o primeiro premio foi para Carrusel, unha peza elaborada íntegramente a man pola nai da pequena participante en tan só dúas semanas, destacando polo coidado artesanal e o detalle; o segundo premio recaeu en Medusita. Na categoría de parellas, o primeiro posto foi para Almanaques e o segundo para Rapunzel. Finalmente, na modalidade de grupos, o primeiro premio foi para A Coca é Nosa, unha proposta inspirada na tradición da Coca de Redondela, figura mitolóxica emblemática da vila que representa a loita entre o ben e o mal e que dá nome a unha das celebracións máis antigas e arraigadas do municipio e fixérono cun toque de “empoderamento feminino”; o segundo premio foi para a comparsa Pandilla Pirata – Caimán Negro de Catapeixe, formada por pais, nais, nenos e nenas de 6º de Educación Infantil do CEIP A Marisma, cuxo nome fai referencia ao personaxe “Caimán Negro”, protagonista dos populares libros infantís da autora galega Susanna Isern, moi queridos polos máis pequenos.





Esta xornada do Entroido de Redondela volveu demostrar, como cada ano, o poder da festa para unir á comunidade arredor da creatividade, da tradición e da ilusión compartida. Ás 19:30 horas comezou o acto máis simbólico da xornada: a queima do Meco, presentada por Tatán de Tanxarina. Tras un emotivo discurso sobre a memoria colectiva, prendeuse lume á figura elixida para este 2026: Donald Trump, poñendo así o broche final a unha tarde chea de emoción e simbolismo.






















































