Hoxe é Luns 16 de Febreiro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela sinaliza o “Roteiro da auga” en Cedeira

cedeira

A sinalización deste roteiro circular, de 7,5 kilómetros por Monte Penide, contou cun orzamento de 8.600 euros, a cargo dos fondos participativos do Concello de Redondela transferidos ao Consello Parroquial. Esta iniciativa, en colaboración coa Comunidade de Augas de Cedeira, busca poñer en valor a riqueza natural e arqueolóxica da zona e a historia da traída de augas de Cedeira.

A sinalización do Roteiro da Auga en Cedeira presentouse oficialmente esta fin de semana nun acto no que participou a alcaldesa, Digna Rivas, co concelleiro de Medio Ambiente e Ensino, Alberto Álvarez, os representantes da Comunidade de Augas coa presidenta Guadalupe Maestú, Leoncio Vidal, José Ramón Alonso e Nicanor Nieto, así como o director do CEIP Cedeira, José Luis Ojea, cuxo alumando poderá beneficiarse desta nova ruta sinalizada que ten un marcado carácter comunitario, divulgativo e educativo.

O Roteiro da Auga é un sendeiro circular de arredor de 7,5 km que percorre a ladeira de nacente do Monte Penide (coñecido tamén como Monte Mirallo). Esta vertente é rica en mananciais que abastecen á parroquia, polo que o camiño permite coñecer as estruturas tradicionais de captación e distribución da auga, integradas nunha paisaxe forestal diversa. Ao longo do percorrido, os sendeiristas poderán observar masas de piñeiro e eucalipto mesturadas con zonas de matogueira (toxos, xestas, uces) e tramos autóctonos con carballos, sobreiras, castiñeiros e loureiros.

O roteiro é un espazo ideal para a observación de aves forestais diúrnas e destaca pola súa biodiversidade ao solpor, cando é posible observar unha sorprendente diversidade de anfibios, indicadores do bo estado ecolóxico dos mananciais e regatos da zona.

Un dos puntos fortes do roteiro é o conxunto de petróglifos do Coto do Corno, datados de hai arredor de 4.000 anos. A pesar das alteracións sufridas no pasado por canteiros e infraestruturas, consérvanse círculos concéntricos, liñas, coviñas, muíños naviculares e a singular representación dun cervo. O Concello fai un chamamento á “responsabilidade” para a preservación deste patrimonio tan fráxil, lembrando a necesidade de “non camiñar sobre os gravados, non tocalos nin empregar auga sobre eles”.

Comunidade de augas

O roteiro tamén pon en valor a organización veciñal. A través de códigos QR, os visitantes poden acceder a vídeos onde os propios comuneiros explican o funcionamento do sistema de traída de auga, dende os primeiros pasos veciñais ata a moderna tecnoloxía de control telemático, convertendo a ruta nunha viaxe pola historia e a xestión sostible do recurso na parroquia.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará