Foto de Xeila Fervenza
Preferente Galicia
O CD Choco non logrou aproveitar a oportunidade de distanciarse da zona baixa da táboa e empatou a dous goles contra o Umia CF, colista da categoría, no Campo Municipal de Santa Mariña.
O partido comezou de xeito moi adverso para os locais. Tal e como explicou o adestrador Alberto Rabadán tras o encontro, “desde os primeiros minuto sufrimos un gol nunha contra tras un despiste defensivo e un fallo noso”. O Umia, que viña a defenderse moi encerrado atrás, adiantouse no marcador grazas a Guillán nun contragolpe rápido. Ademais, a mala sorte acompañou cedo ao Choco: “no minuto 14 ou 15, dous xogadores se lesionan e temos que facer un dobre cambio moi temperán. Todo en contra”.
A pesar diso, o equipo recuperou o control progresivamente. “Collemos unha dinámica boa de xogo, empezamos a xogar ben, a enlazar xogadas cara adiante e a ter moitas ocasións”, destacou Rabadán. Na segunda metade chegou a reacción: Dani igualou o marcador ao aproveitar un rexeitamento tras un centro, e pouco despois Garci deu a volta ao resultado cun gol nun balón longo (2-1).Con todo, o partido deu un xiro inesperado nos últimos minutos. “Non sei moi ben o motivo, pero neses últimos 15 minutos o equipo desconectouse por completo, desaparecemos do campo”, lamentou o técnico. Nun novo contragolpe visitante, aproveitan unha acción illada —“un balón longo que colleron ás costas da defensa”— para establecer o definitivo 2-2.
Rabadán resumiu o encontro como “moi complicado e un pouco extraño”: “Empezou moi mal, todo torcido, conseguimos darlle a volta con moi bo xogo, pero ao final empataron. Era un partido que tiñamos que gañar, pero saíu así”. O adestrador mostrouse “moi contento” coa reacción do equipo durante boa parte do choque, malia o resultado final.
Trátase da terceira xornada sen vitoria para o Choco e do segundo empate consecutivo diante da súa afección. O equipo ve cada vez máis preto os postos de descenso e necesitará sumar de tres en tres nas vindeiras xornadas para recuperar terreo. A próxima cita será fóra de casa ante o Portonovo SD, actual cuarto clasificado.
Primeira Galicia: CD UNION – CD ARCADE (2-0)
O CD Arcade caeu derrotado por 2-0 na súa visita ao CD Unión. Tras este resultado, o Arcade sitúase na novena posición da táboa. Na xornada seguinte recibirá ao Abanqueiro SD no seu campo.
Segunda Galicia
Nesta categoría houbo descanso durante a última fin de semana. O CD Soutomaior retomará a competición o 22 de febreiro, cun importante encontro ante o Cerponzons C.F., que ocupa a undécima praza. O Soutomaior mantense na cuarta posición e ben posicionado na zona de playoff de ascenso.
Terceira Galicia: ATLÉTICO VILLAR – CABRAL CF (10-0)
Na Terceira Galicia no grupo de Vigo destacou a contundente vitoria do Atlético de Villar, que goleou 10-0 ao Cabral CF no seu estadio. Os de Villar consolidan o liderado con 48 puntos e manteñen unha notable vantaxe sobre os seus inmediatos perseguidores, entre os que destaca o AD Lavadores. Na próxima xornada visitarán o CD Coia.
CF SAN ESTEBAN – CHAPELA CF (0-3)
Pola súa banda, o Chapela CF sumou tres puntos importantes ao impoñerse por 0-3 como visitante ante o CF San Esteban. Mantense na quinta posición, moi preto da zona de playoff. Na vindeira xornada recibirá precisamente ao AD Lavadores, segundo clasificado, nun duelo de gran transcendencia.
Na Terceira Galicia no grupo de Pontevedra, o CD Cesantes descansou na última xornada e retomará a competición esta fin de semana no seu campo ante o Cotobade. Actualmente ocupa a segunda praza, só por baixo do Campaño SD e empatado a 38 puntos co FC Cruceiro (terceiro).
Trátase dun momento clave da tempada, no que a clasificación pode sufrir cambios drásticos en poucas xornadas.









