Foto da edición anterior
O Club Baloncesto Redondela (CBR) celebra este sábado 14 de febreiro a 11ª edición do seu Torneo do Entroido no Pavillón da Marisma, en Redondela. Trátase dunha xornada deportiva e solidaria que combina baloncesto base co espírito festivo, e que espera reunir arredor de 350 nenos e nenas das categorías mini, premini e baby.
O evento, organizado polo club redondelán, ten un carácter solidario: cada participante debe achegar un alimento non perecedoiro como entrada, que logo se destinará a axuda social. Baixo o lema “1 alimento = 1 neno”, o torneo promove valores como a participación, o compañeirismo e a solidariedade entre os máis pequenos.
Os partidos xógase simultaneamente nas tres pistas do pavillón (entrada, medio e fondo), cun formato dinámico de 4×4 ou 5×5 segundo o número de xogadores, sen tempos mortos nin descansos longos, e con só un minuto entre encontros para garantir fluidez. Ao remate de cada categoría haberá entrega de agasallos, fotos de grupo e un sorteo de rifas.
O evento conta co apoio de numerosos patrocinadores e colaboradores locais, ademais da colaboración do Concello de Redondela a través da Concellería de Deporte, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia.











