Foto cedida – de La Diapo
O xornalista musical redondelán Rodri Míguez vén de recibir o Premio á Mellor Canle na novena edición dos Premios Youtubeiras+, un certame que recoñece o mellor da creación de contidos en galego nas redes sociais durante 2025. A gala, celebrada no Teatro Jofre de Ferrol, reuniu a multitude de creadoras e creadores que fan da lingua galega unha ferramenta viva e dinámica na internet, nunha edición que bateu récord con 126 canles participantes.
Rodri Míguez, coñecido pola súa intensa labor de divulgación de música en galego a través de plataformas como Instagram e TikTok, foi distinguido polo xurado polo seu “labor xornalístico, a súa traxectoria e a promoción da música en galego de xeito altruísta”.
Tras cinco anos desenvolvendo o seu proxecto, o recoñecemento supón para el un fito significativo: “Super contento e super orgulloso de que despois de cinco anos de proxecto se premie todo ese traballo, todo ese esforzo e, sobre todo, toda esa paixón. Porque ao final é traballar con paixón, que é o que creo que está a chegar á xente”.
O creador subliña que o seu labor consiste en “aportar un espazo de visibilidade” para o talento musical galego, nun contexto onde os algoritmos das redes sociais adoitan marxinar o noso idioma: “Vivimos nun mundo no que os algoritmos sepultan o galego. Pois que menos que poder chegar, sobre todo á xente nova, á música en galego e ver xente falar dela”.
Rodri tamén valorou o papel dos propios Premios Youtubeiras+ como un escaparate esencial para dignificar o traballo das creadoras en galego: “É unha barbaridade a calidade que hai. Sempre aproveito este tipo de eventos para coñecer máis xente, para descubrir talento que está a facer vídeos en redes con moitísimo valor. É súper positivo porque apoia, dá espazo”.
Durante a conversa, destacou o carácter san, ético e inclusivo da comunidade de creadoras e creadores en galego, especialmente fronte a fenómenos preocupantes nas redes sociais: “A maior parte desta comunidade ten un discurso ben posicionado e claro en contra do odio e da discriminación. Canles moi diversas, moi inclusivas, que poñen voz a moitos temas sociais”.
No seu discurso de aceptación, Rodri agradeceu especialmente á súa familia —”o verdadeiro motor deste proxecto”— polo apoio económico e emocional que lle permitiu manter a independencia creativa, así como ás súas amigas e á rede de creadoras que tece unha “militancia” non só pola lingua, senón polos valores compartidos.
O premio supón un “empurrón moi importante” a nivel psicolóxico, nunha rutina que compaxina co seu traballo habitual: “Axuda a recuperar a ilusión, a non perder o foco polo que loitas”. De cara ao futuro, adianta posibles novidades, como explorar formatos máis profundos —quizais un podcast— para falar da música “dunha maneira máis en profundidade”, xa que os vídeos curtos ás veces quedan escasos.
Rodri tamén deixou recomendacións musicais frescas: Apolo18, unha banda coruñesa de rock alternativo con membros moi novos que o ten “obsesionado”, e Acouga, de Pazos de Borbén, un grupo de metal melódico coas letras como punto forte e que merece moita máis atención.
Coa música en galego nun momento doce e grazas a iniciativas como os Youtubeiras+, proxectos como o de Rodri Míguez contribúen a encher as redes de contido de calidade, comprometido e na nosa lingua.










