O MBO Team Cycling Galicia, con base en Redondela e dirixido por Javier Fernández, inicia a tempada 2026 cunha clara aposta pola mocidade e polo desenvolvemento de talento de futuro. Tras o recente cambio de patrocinador principal pola marca MBO, o equipo consolídase como unha escuadra con crecente proxección internacional.
No núcleo do proxecto sitúanse dous redondeláns que representan a continuidade e a identidade local do equipo: Miguel e Hugo. Ambos celebran o seu segundo ano no conxunto e acumulan experiencia na categoría élite-sub23 —Miguel leva catro tempadas na división—. Xunto a eles, o uruguaio Thomas Luchas e o arxentino Thomas Borghese conforman un bloque consolidado.
Miguel e Hugo explican con claridade a esencia do ciclismo en estrada: un deporte profundamente colectivo. “Aínda que ás veces pareza individual, non o é. Necesitas compañeiros que cubran o vento, que leven o ritmo do grupo e que protexan aos máis fortes para que cheguen ben á parte decisiva da carreira”, sinala Miguel. Hugo engade que o traballo en equipo é clave para acadar resultados que sumen puntos no ranking da Federación, especialmente na Copa de España élite-sub23, unha competición de alto nivel que arranca este mes de febreiro e se prolonga ata maio, e na que moitos corredores dan o salto ao profesionalismo.
O equipo, con arredor de 15 compoñentes de diversas procedencias, afronta un calendario intenso entre o que se atopa a carreira de tres días en Almagro como unha das primeiras citas nacionais ou as probas da Copa.
Os dous redondeláns recoñecen o elevado grao de sacrificio que require esta disciplina: “É moi esixente física e mentalmente, con moitas horas semanais de adestramento. O soño de chegar a profesional está aí, pero é moi difícil e esixe dedicación case exclusiva”.
Para reforzar esta aposta polo futuro, o MBO Team Cycling Galicia pechou sete incorporacións —a maioría menores de 20 anos, agás Guillermo Rosalen, que chega de Madrid en categoría élite, achegando experiencia—. Entre as novas fichaxes destacan corredores galegos como o vigués Nicolás Fernández, o rianxeiro Saúl Alcalde e Iván Blanco, que se suman ao ciclismo de elite-sub23 na súa terra. Completan o grupo Diego Ley, o venezolano Jean Manuel Contreras e o propio Guillermo Rosalen.
Con esta mestura de xuventude, talento emerxente e un núcleo sólido liderado por Miguel e Hugo, o MBO Team Cycling Galicia busca competir cos mellores equipos do pelotón amateur e seguir medrando. A tempada arranca esta fin de semana coa carreira en Almagro (Ciudad Real), e o 22 de febreiro disputarase a proba de Don Benito, primeira cita da Copa de España en Extremadura.














