O EIS Pedro Floriani acolle este xoves ás 19:00 horas un obradoiro para familias sobre educación dixital, ciberseguridade e uso seguro das pantallas dirixido a familias con fillos e fillas de entre 10 e 18 anos de idade. No Obradoiro abordaranse cuestións de actualidade como a educación dixital, a ciberseguridade e a privacidade, así como o uso responsable das pantallas e a necesidade de establecer límites no tempo que os e as adolescentes pasan nas redes sociais. Inscrición neste enlace.
Un de cada tres rapaces e rapazas conéctanse ás redes sociais máis de catro horas ao día, porcentaxe que se incrementa na fin de semana. Unha cuestión que preocupa ás familias e tamén á comunidade educativa porque son conscientes de que o emprego excesivo de pantallas e, en particular, de plataformas dixitais poder repercutir negativamente no rendemento académico e na capacidade de concentración e atención dos menores. A maiores, existen unha serie de riscos asociados aos medios dixitais como poida ser a privacidade ou o acceso a contidos non recomendados para esas idades.
De todo isto falarase na xornada de hoxe no obradoiro organizado pola Federación de Anpas en colaboración co IES Pedro Floriani no que participarán Manuel Rivas, representante de Amtega (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) e Conxita López, psicóloga educativa e xefa de estudos do Instituto.
O obradoiro abordará cuestións fundamentais para o acompañamento das familias no ámbito dixital. Falarase dos riscos dixitais para os menores, como establecer límites e promover hábitos saudables, a xestión do tempo de pantalla, supervisión respectuosa e acompañamento parental e os recursos e ferramentas de protección. Tamén se abordarán as prácticas coas novas tecnoloxías no contexto educativo e no programa Edixgal.
Neste sentido, a psicóloga do centro explica que os e as nenos chegan xa ao instituto maioritiariamente cun móbil na man algo que considera “algo completamente innecesario”. Recomenda en todo caso que exista un decálogo de uso asinado pola familia. Alerta tamén das consecuencias que se están observando no alumnado: falta de atención, interferencia no rendemento académico ou posible adicción ao móbil.
A asistencia é gratuita, pero precisa inscrición previa










