Hoxe é Sábado 4 de Abril de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Alén Nós alerta do deterioro do patrimonio de Rande e insta ao concello a traballar na súa recuperación

coto wagner

O anuncio do Concello da solicitude de fondos europeos para a creación dun itinerario de carácter histórico e paisaxístico na contorna de Rande xera moitas dúbidas no colectivo cultural. Aplauden a posta en marcha de iniciativas que busquen divulgar a riqueza do litoral pero entenden que “a situación que presentan os atractivos industriais e culturais da zona “non están en condicións dignas de seren mostrados”. Suxiren que o primeiro paso debería ser “rescatar do abandono” elementos como o Cargadoiro Coto Wagner ou o castelo de Rande antes de poñer en marcha un paseo interpretativo.

Alén Nós chama a atención sobre a situación dos elementos aos que se achegaría un visitante que percorrese este “itinerario histórico” anunciado dende o goberno local. Apuntan que arrancaría “nun cargadoiro de mineral abandonado, o Coto Wagner, competencia da Atoridade Portuaria, que continúa deteriorándose ano tras ano sen actuacións reais de conservación; pasaría polo museo Meirande, que leva tempo reclamando melloras urxentes tanto nos contidos como nas instalacións; a continuación achegaríase preto doutro cargadoiro histórico, “Minerales de Hierro de Galicia”, hoxe practicamente invisible, engulido pola maleza; e remataría no castelo de Rande, descoidado e cun mantemento claramente insuficiente”.

Por se motivo, dende Alén Nós subliñan que “non abonda con sinalizar nin con debuxar liñas nun mapa” e indican que a posta en valor do patrimonio require actuacións previas e decididas de conservación, restauración e mantemento “algo que o litoral de Rande leva anos agardando”. Insisten en que sen esas medidas “calquera itinerario corre o risco de converterse nun exercicio de publicidade máis que nun proxecto cultural serio”.

Confían en que se finalmente chegan eses fondos europeos, non se destinen unicamente a paneis e pasarelas, senón a rescatar do abandono elementos únicos do patrimonio industrial e histórico de Rande e instan ao Concello a que realice os trámites necesarios para que as administracións que teñen as competencias sobre estrés elementos patrimoniais fagan as intervencións necesarias para a súa restauración e posta en valor.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará