Areas 4-1 Choco
Mal fin de semana para o equipo redondelán que caía ante o Areas. Unha derrota que os deixa a tan só un punto do descenso directo. Un encontro que arrancou con bo ritmo, cos dous equipos creando ocasións de perigo. A igualdade rachouse cun gol de Yago a media hora inicial. Na segunda parte o Areas fíxose co partido e malia o gol de Roland, os redondeláns viron como o Areas ía ampliando a vantaxe ata chegar ao definivo 4-1.
Unha derrota que lle complica a existencia ao Choco que queda relegado a decimocuarta posición. Na vindeira fin de semana o campo de Santa Mariña acollerá o encontro entre o Choco e o Umia. Os de Redondela tentarán sumar puntos ante o pechacancelas do grupo.
Arcade 1-2 Cordeiro
Tampouco houbo sorte no partido do CD Arcade que milita na Primeira Galicia e que caía ante o cuarto clasificado, o Cordeiro CF. Os de Arcade son oitavos e a próxima cita vainos levar ao campo do Unión, equipo que aspira a loitar polos postos de ascenso e que actualmente se sitúa na terceira posición.
Soutomaior 2-0 Sanxenxo
Na Segunda Galicia, o CD Soutomaior sitúase nunha meritoria cuarta posición logo da vitoria ante o Sanxenxo por 2-0. Na próxima xornada visitarán o campo do Cerponzóns, situados na décimo primeira posición.
Huracán 1-2 Atl. Vilar
Na Terceira Galicia – Grupo Vigo, vitoria para o líder Atlético de Villar, máis líder ca nunca con sete puntos de vantaxe sobre o segundo da táboa. O equipo impúñase por 1-2 ao Atlético Huracán de Zamáns. Na vindeira semana non deberían ter problemas nun encontro no que contará co apoio da afección no campo do Vilar e recibirán ademais ao pechacancelas do grupo, o Cabral.
Chapela 4- 2 Sampaio
Vitoria tamén para o Chapela que ascende ata a quinta posición, logo de imporse por 4-2 ao Sampaio. O equipo tentará afianzarse neses postos altos da táboa na próxima semana, cando visitan o campo do San Esteban, equipo situado na parte baixa da categoría.
Cobres 2- 2 Cesantes
Finalmente, no Grupo Pontevedra da Terceira Galicia, o CD Cesantes continúa como segundo clasificado tras lograr o empate na súa visita ao campo do Cobres. Na vindeira fin de semana a competición descansa. Xa de cara ao día 22, o Cesantes recibirá ao Cotobade.









