O desfile de comparsas que ía celebrarse este sábado día 7 adíase ata o domingo 22 de febreiro. O goberno local decidiu reorganizar a programación do entroido ante a previsión meteorolóxica que alerta das malas condicións previstas para esta fin de semana.
Unha previsión meteorolóxica que tamén cambiou a animación de rúa nos comercios a cargo de Juan de Arcade que finalmente se desenvolverá o venres 13 de febreiro e non hoxe como estaba previsto.
Para garantir que outras actividades se poidan desenvolver malia que o tempo non acompañe está previsto que o Entruido Infantil do día 14 ou o encontro de Entruidos, procesión do galo e fiada do domingo 15, en caso de chuvia trasladaranse á Casa do Pobo do Val Sobral.
O desfile de comparsas será finalmente o 22 de febreiro, comezará ás 17:30h. con saída dende o cruce do Viso. O primeiro tramo do desfile será o “tramo silencioso” para que todas as persoas poidan desfrutar en igualdade de condicións desta cita tan agardada. O tramo silencioso irá, polo tanto, dende o cruce do Viso ata o cruce de Cima de Vila.
Un desfile no que participarán un total de 15 comparsas e que estará encabezado polo pregoeiro, que será un ano máis, “Juan de Arcade”, un home popular e coñecido no concello. O desfile partirá ás 17:30h. do cruce do Viso con chegada a Talo Río, alí, a partir das 20:00h. terá lugar a lectura do pregón, entrega de premios e logo seguirá a festa coa actuación do Trío Armonía.
O 18 de febreiro, mércores de cinza, terá lugar o Enterro da Sardiña que sairá ás 19:30h. da Praza de Cima de Vila. O percorrido será dende a Praza, pasando pola rúa Xosé Solla para finalizaren Cagazó, no campo da petanca onde despediremos a nosa sardiña. Un evento no que colaborarán a Banda de Música Artística de Arcade, a Asociación da Xesteira, a Asociación Moreira a Tope e a Asociación Cultural Miúdos.









