Hoxe é Venres 6 de Febreiro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A web de Memoria Democrática de Redondela permite contactar con familiares de presos de San Simón

san simón

A divulgación de datos sobre os presos da illa permitiu contactar coa bisneta de Francisco Merino, cuxa historia foi recuperada por María Pilar López Vera no libro “Francisco Merino, el alcalde de los mantecaos”. A nova web na que se recolle información sobre a represión franquista no municipio permite realizar consultas sobre as vítimas do franquismo e busca reparar a memoria dos represaliados de San Simón e de quen colaborou para a súa supervivencia no penal como “as Madriñas” de Redondela.

O traballo de recuperación da Memoria Democrática impulsado polo Concello de Redondela permitiu contactar coa bisneta de Francisco Merino, un dos presos de San Simón. Foi a través da páxina web que entrou en funcionamento hai un par de meses co obxecto de recuperar e dignificar a memoria das vítimas do franquismo que pasaron polo lazareto reconvertido en colonia penitenciaria.

A historia de Francisco Merino está recollida nun libro escrito pola súa bisneta que ademais de ser un exercicio de xenealoxía familiar, é unha crónica necesaria sobre a represión e a vida diaria na enseada de San Simón durante os anos máis escuros da ditadura. Un Consello de Guerra sentenciouno a Reclusión Perpetua o 25 de novembro de 1939, falecendo no ano 1941 na Illa.

O proxecto de dixitalización e publicación dos datos dos represaliados facilita que os nomes e apelidos que constan nos arquivos cheguen ás súas familias. A páxina web permite aos descendentes non só consultar información, senón tamén achegar testemuños que axudan a completar o mapa emocional e histórico de San Simón.

A alcaldesa, Digna Rivas, destacou que este tipo de achados “dan sentido a todo o esforzo institucional”. Segundo a rexedora, a declaración da illa como Lugar de Memoria Democrática debe ir acompañada dunha labor constante de posta en común coa sociedade civil e as asociacións de memoria.

A alcaldesa, responsable da Concellería de Memoria Democrática, convida a toda a cidadanía e a descendentes de presos en San Simón a seguir utilizando as ferramentas de contacto da web “para seguir tecendo esta rede de dignidade e recordo”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará