Un ano despois de rematadas as obras de reforma e renovación da rúa Salgueiral, os veciños e veciñas da zona critican o estado lamentable da zona. Concretamente falan de fochancas e grandes charcos que se forman no firme e que deixan a rúa “completamente intransitable”. Esixen ao goberno local unha solución e critican que, malia os escritos que levan presentado no rexistro, ninguén se teña posto en contacto con eles para comunicarlles se hai algún plan en marcha para arranxar a zona.
“Chapuza” é a palabra escrita dende hai días no cartel que anunciaba un investimento dun millón de euros para a urbanización e mellora do Salgueiral. Unha palabra que Almudena Castro e María de los Angeles Rodriguez entenden é a máis acaída para definir unha obra que dende o principio entenden non estivo ben formulada “empregáronse materiais que non son os axeitados para unha rúa pola que circulan moitos vehículos que entran e saen constantemente dos garaxes da zona”.
Explican que se colocou sobre a terra unhas planchas de plástico que favorecen que cando chove “se acumule a auga e se formen enormes charcos, chegando incluso a entrar auga pola baixada dos garaxes”. Non entenden a falta de previsión á hora de executar unha obra millonaria que non tivo en conta que este material non ía soportar o paso continuo de vehículos.
Unha situación que empeorou coa chegada dos temporais pero que xa no verán deixaba moitas incomodidades para a veciñanza “levantábase moita terra e provocaba unha poeira tremenda que nos obrigaba a ter as fiestras pechadas”.
Aseguran que xa trasladaron todos estes problemas ao concello “presentamos varios escritos no rexistro electrónico peor non hai resposta nin contestan as nosas demandas”.
Confían en que se atendan as súas peticións porque non entenden como “pasamos de ter unha rúa asfaltada, por onde pasaban os vehículos e os peóns sen dificultade a ter unha fochanca”.
A súa demanda é clara “que se arranxe a rúa” canto antes e que se deixe a zona en condicións axeitadas tras unha actuación de tanta envergadura e cun investimento tan elevado que prometía a humanización da zona para uso e goce da veciñanza.
Lamentan tamén que non se cumpriran os compromisos en canto ao número de prazas que ía eliminar esta actuación “dixéronnos que tan só se ían suprimir 6 prazas de aparcamento pero foron moitas máis”.











