Hoxe é Mércores 4 de Febreiro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Bea (@cenobeita), a divulgadora redondelá que achega a literatura a máis de 300.000 persoas en TikTok

WhatsApp Image 2026-02-03 at 23.49.55
Entrevista completa con Bea @cenobeita

Bea González Lago, coñecida en redes como @cenobeita, é unha das divulgadoras literarias galegas que máis crecemento experimentou nos últimos anos en plataformas como TikTok e Instagram. Desde Redondela, esta creadora converteuse nun referente no ámbito do BookTok, especialmente no xénero da literatura fantástica, e agora expande o seu proxecto coa volta do seu podcast.

Bea explica con naturalidade como comezou todo de forma completamente casual. Comezou a publicar en TikTok con só catro seguidores —os seus amigos— co obxectivo de falar sobre libros que lle gustaban, sobre todo co gallo das adaptacións audiovisuais que se ían estrear. Aqueles primeiros vídeos acabaron virilizándose de xeito inesperado, e o que empezou como unha conversa informal co seu círculo máis próximo converteuse nunha comunidade de máis de 310.000 seguidores en TikTok, con vídeos que acumulan millóns de visualizacións.

O seu estilo é o que máis destaca: “Falo de libros como falaría coas miñas amigas tomando un café”, asegura. Lonxe da solemnidade académica que ás veces se asocia á divulgación literaria, Bea aposta por un ton distendido, cheo de humor e próximo, que fai que a literatura pareza algo accesible e cotiá. Aínda que o seu nicho principal é a literatura fantástica —comezou explicando o universo de Tolkien para quen quería ver as novas series e continuou con obras como Dune—, co tempo ampliou o seu contido para incluír recomendacións xerais e, especialmente, para achegar os clásicos a un público que os ve como algo distante ou que intimida.

“Intento romper esa barreira e que a xente se atreva cos clásicos”, explicou. Para ela, ler un clásico é unha forma de conexión humana: descubrir que persoas de hai centos de anos, en contextos moi diferentes, sentiron as mesmas emocións que nós hoxe.

Ademais das redes, Bea leva adiante o podcast “El tiempo que nos dieron”, cuxo título está inspirado nunha cita de Tolkien que reflicte a idea de aproveitar o tempo que nos toca vivir, xa sexa para ler, crear ou compartir cultura. O proxecto naceu como unha extensión natural das redes, onde os vídeos teñen un límite. No podcast, cun ton máis narrativo e guionizado, conta a vida dos autores a través das súas obras, case como se narrase unha historia. “Moita xente dime que é relaxante, que serve para durmir”, recoñece entre risos, aínda que mantén algunha broma característica.

A primeira tempada tivo cinco episodios, gravados con medios modestos na súa casa —“todo o fago eu”—, pero este ano volve cunha segunda entrega que promete maior calidade, grazas a un micrófono novo e máis coidado na produción. Entre os episodios dos que se sente máis orgullosa están os dedicados a autoras como Agatha Christie, Jane Austen e, proximamente, Mary Shelley. “Gústanme moito falar de autores, pero sinto que as autoras foron moi silenciadas”, subliña, e por iso quere facerlles xustiza contando as súas historias con respecto e profundidade.

O que máis valor lle dá non son os números, senón o impacto real: “O máis bonito é cando a xente me di que empezou a ler un libro grazas a min, ou que un libro que lle recomendei cambioulle algo”. Creou unha comunidade fiel, maioritariamente de España pero tamén con moito público en Latinoamérica (especialmente México, Perú e Arxentina), que valora o seu xeito de achegar a literatura sen barreiras.

A pesar dos retos —como os comentarios negativos que ás veces chegan cando un vídeo se viraliza—, Bea mantén o foco no positivo: achegar a lectura a quen nunca se atreveu antes. E, como ela mesma di, no seu podcast, mellor emprer o tempo en compartir cultura que en deixar odio en internet. A segunda temporada de “El tiempo que nos dieron” chega este mes, e mentres tanto, podes atopala en TikTok e Instagram como @cenobeita, onde segue recomendando libros, guías de lectura e, sobre todo, transmitindo esa paixón contaxiosa pola literatura.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará