Hoxe é Mércores 4 de Febreiro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Amparo Alonso da Asociación Contra o Cancro de Redondela: “A detección temperá reduce a mortalidade e animamos a facer os cribados”

WhatsApp Image 2026-02-04 at 13.10.10

Asociacion Contra o Cancro de Redondela xunto a autoridades locais

O Día Mundial contra o Cancro celébrase hoxe, 4 de febreiro de 2026, baixo o lema “Unidos polo Único”, unha campaña internacional (2025-2027) da Unión Internacional Contra o Cancro (UICC) que pon ás persoas no centro da atención oncolóxica. 

En España, segundo as estimacións da Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM) e a Rede Española de Rexistros de Cancro (REDECAN), prevese que en 2026 se diagnostiquen preto de 301.884 novos casos de cancro, un lixeiro incremento do 2% respecto ao ano anterior. Esta cifra reflicte o crecente impacto da enfermidade como problema sociosanitario, aínda que os avances en prevención, detección temperá e tratamentos están a mellorar progresivamente as taxas de supervivencia.

A delegación da provincia de Pontevedra da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), xunto coa súa ramificación local en Redondela, traballa activamente para ofrecer apoio gratuíto e integral. Amparo Alonso, membro da directiva en Redondela, explica como se traduce este lema no día a día da entidade: “Necesítase unha atención oncolóxica máis humana e integral. Por iso, dende a asociación, pouco a pouco, imos mellorando os servizos, que son sempre gratuitos para os pacientes e os seus familiares”.

Entre os apoios máis demandados en Redondela destacan a atención psicolóxica e a atención social, ofrecidos no local do Multiúsos previa cita coa psicóloga ou a traballadora social. “Iso é totalmente gratuito, tanto para os pacientes como para os seus familiares”, subliñou Amparo. Ademais, a asociación presta servizos como fisioterapia, logopedia, acompañamento en hospitais e domicilios (especialmente para desprazamentos a Vigo ou Pontevedra), préstamo de perrucas, material ortoprotésico e moito máis. Para calquera dúbida ou necesidade, está dispoñible o teléfono InfoCáncer 900 100 036, operativo 24 horas os 365 días do ano, atendido por profesionais que derivan ao servizo axeitado.

Amparo destacou a importancia da detección temperá a través dos programas de cribado do Sistema Nacional de Saúde (colon, mama e cérvix), que demostran unha redución da mortalidade e un aumento da supervivencia a cinco anos. “Hai que concienciar á xente de que ten que facer os cribados. Son de balde, están na Seguridade Social e fan chamadas periódicas. Non hai que ter medo, porque ao final é algo positivo”, insistiu.

En canto á prevención, a AECC recomenda seguir o Código Europeo contra o Cancro, reducindo factores de risco como o tabaco (responsable do 30% dos casos e ligado a varios tipos de cancro), o consumo excesivo de alcol, unha mala alimentación e a falta de exercicio físico. “Unha vida saudable tamén axuda: dieta rica en froitas, verduras e legumes, actividade física regular e protección solar”, engadiu Amparo.

Para dar visibilidade ao día, a AECC puxo en marcha os Brazaletes de Esperanza, co lema “El símbolo que nos une”, co obxectivo de concienciar sobre a supervivencia e converter o lazo verde na esperanza nun símbolo universal.

En Redondela, a asociación organiza actividades solidarias como mesas informativas, campañas, a tradicional andaina contra o cancro (que o ano pasado reuniu arredor de 800 persoas e está prevista para verán) e unha cea ou evento similar con gran participación. “Os fondos que recaudamos son completamente para a asociación, para que a xente poida beneficiarse destes programas totalmente gratuitos”, explicou Amparo.

Finalizou cunha mensaxe de esperanza: “Non están sós nesta enfermidade. Dende a asociación podemos acompañar e axudar a que leven mellor a enfermidade”. Animou a poñerse en contacto a través do 900 100 036 ou da sede local.

Un día como hoxe recorda que, unidos, podemos avanzar cara a unha maior supervivencia (co obxectivo do 70% para 2030) e mellor calidade de vida para quen padece cancro. Debaixo fotos recentes do CD Choco levando os brazaletes polo Día Mundial Contra o Cancro.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará