A policía conseguiu localizar aos responsables dos vertidos na Senda da Auga en Vilar e na Rúa Estación e no Camiño do Gaio en Chapela, grazas á colaboración veciñal e logo dun traballo de investigación. Estas infraccións carrexan sancións que van dende os 750 aos 3.000 euros. A Concellería de Medio Ambiente lembra que existe unha normativa que prohibe os vertidos incontrolados e fai un chamamento á cidadanía para que actúe con respecto e civismo.
O departamento de Medio Ambiente tramita actualmente tres sancións por vertidos incontrolados rexistrados en vías públicas de Chapela e na Senda da Auga.
O último caso investigado detectouse en decembro na Senda da Auga, na parroquia de Vilar. Foi un veciño o que alertou dun vertido de mobles, electrodomésticos, colchóns, etc. nas proximidades do camiño Lagoa de Millarada. A policía de Medio Ambiente conseguiu localizar o vehículo responsable do vertido grazas aos testemuños dos veciños. Feitas as pescudas oportunas, localizouse a orixe do vertido nunha propiedade en reformas no Concello de Vigo. Localizado o propietario, onte luns (2 de febreiro) informóuselle das consecuencias legais dos feitos acontecidos e da urxencia de proceder a retirar o vertido.
No último trimestre do ano pasado investigáronse tamén dous vertidos en Chapela, na vía pública, un de restos de mobles de madeira e outro de fiestras de PVC. O primeiro localizouse por un aviso cidadá que alertou do vertido na rúa Estación, preto da antiga estación ferroviaria. Unha furgoneta descargou mobles de madeira, táboas e outros restos en varias ocasóns nas inmediacións dos contedores de lixo. Os datos recollidos pola Policía de Medio Ambiente grazas á colaboración cidadá permitiron dar coa empresa responsable.
O segundo caso deuse no camiño do Gaio, onde se detectou un vertido de restos de fiestras de PVC. A investigación realizada pola policía de Medio Ambiente determinou a orixe dos residuos nunha empresa do sector.
O concelleiro, Alberto Álvarez, sinala que estas verteduras ilegais son un dos maiores problemas ambientais para os municipios. Cascallos, restos de poda, residuos industriais, mobles, electrodomésticos, etc. localízanse “tanto en zonas rurais e forestais como en zonas urbanas ao redor dos colectores de recollida do lixo”. Isto ten “graves consecuencias ambientais, deterioran a paisaxe, xeran cheiros, proliferación de pragas, contaminan o chan e a auga, e aumenta o risco de incendios”, advirte Álvarez.
Tamén é un “grave problema desde o punto de vista económico, xa que en moitos casos o Concello, co diñeiro de todos, debe asumir o gasto de retirar estes residuos incontrolados”. Estes vertidos supoñen unha infracción da Ordenanza Municipal de Xestión e Tratamento de Residuos, que o Concello de Redondela sanciona con multas que van desde os 750 ata 3.000 euros.
O Concello de Redondela lembra que queda totalmente prohibido arroxar ou depositar residuos de calquera tipo fóra dos colectores. Neste sentido, os contedores instalados en todo o municipio están destinados á recollida dos residuos domésticos, en bolsas de lixo e dentro do horario permitido. Depositar trastes na vía pública sen autorización, en solares ou no exterior dos colectores; ou non axustarse ás programacións de recollida establecidas constitúen unha infracción.
Servizo de recollida de residuos voluminosos
Para o depósito de residuos voluminosos, mobles, electrodomésticos, etc. existe un servizo de recollida a domicilio sinxelo e gratuíto para os veciños e veciñas particulares. Tan só é preciso contactar con Urbaser no teléfono 986.388.111, de 9 a 14 horas, onde os informarán do día e lugar para depositar os residuos. No caso de empresas a normativa autonómica establece que deben retirar os seus residuos a través de xestores autorizados.












