Hoxe é Venres 30 de Xaneiro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela revisará a ordenanza do lixo co obxecto de introducir “melloras” para os centros culturais

centro cultural vilar

Os centros culturais levaron a pleno a súa petición para que se modifique a ordenanza do lixo e se incorpore un réxime específico que supoña un menor custe para estas entidades. Actualmente os seus recibos superan os 327 euros como consecuencia de estaren enmarcados na normativa como cafeterías. A proposta saíu adiante exclusivamente cos votos a favor do PP. Si houbo unanimidade á hora de aprobar un incremento a 3.500 euros da subvención que o Concello destina a gastos correntes dos centros culturais para compensar a “suba desproporcionada do recibo”.

Un representante dos centros culturais era o encargado de trasladar ao pleno as súas demandas lembrando que ao seren clasificados a efectos tributarios como establecementos de hostalaría teñen que afrontar unha suba da taxa de residuos que non ten en conta a realidade das actividades que desenvolven. Explicaban que isto supón un incremento de máis do 250% respecto de anos anteriores “unha carga económica difícil de asumir para entidades que funcionan grazas ao traballo desinteresado das súas directivas e ao compromiso da veciñanza”.

Todos os grupos salientaron a labor social e cultural destas entidades malia que houbo diferencias en canto a como solucionar a problemática formulada polos mesmos.

Os populares, tras acusar ao goberno local de “falta de transparencia” por non ter trasladado esta moción ao resto dos grupos malia estar no seu poder dende principios de xaneiro, insistía en que non é de recibo equiparar centro cultural a cafetería cando este é un servizo máis que serve para a socialización da veciñanza e complementa o resto de actividades que organizan estes centros. Javier Bas aseguraba tamén que as directivas dos centros culturais foron “enganados por parte do goberno que lles asegurou que se lles ía aplicar unha suba mínima”. Defendeu o voto a favor da moción para “paliar o dano económico que se lle está a causar a estes centros”.

O edil de AER, Roberto Villar lamentaba que se chegara a este punto e cargaba contra os seus socios de goberno “aquí houbo un compromiso que non se cumpriu”. Con todo, puntualizaba que é un decreto da Xunta de Galicia o que regula este tipo de actividades e que no mesmo consideran as cafeterías dos centros culturais “unha actividade económica igual que o resto”.

Os nacionalistas instaban ao goberno local a negociar as demandas dos centros culturais. Con todo, votaron en contra da proposta de modificar a ordenanza do lixo porque, segundo puntualizaba o voceiro do BNG, Xoán Carlos González “xéranos moitas dúbidas”.

A voceira do PSOE, Rita Pérez asumía as críticas que lle recriminaban non ter cumprido un compromiso acadado con estas entidades no ano 2024 e trasladaba a vontade do goberno local de negociar con elas para tentar acadar algún acordo que compense as dificultades que supón para os centros este incremento do lixo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará