O Paseo da Portela permanece pechado dende hai un par de semanas ante o mal estado que presenta esta pasarela de madeira moi empregada pola veciñanza. Unha medida que os populares xa reclamaran hai tres meses. Explica o voceiro do PP, Javier Bas, que xa no mes de outubro denunciaran o mal estado da senda e solicitaran “unha inspección técnica, e a súa clausura e inmediata reparación”. Lamentan que o executivo de Digna Rivas tardara tres meses en tomar medidas.
Unha tardanza que para o voceiro municipal do PP é unha mostra da “falta de dinamismo, de traballo e de interese polos temas e servizos que preocupan aos veciños” por parte do goberno de Digna Rivas, xa que asegura “rexeita e ignora reiteradamente as nosas demandas e propostas e logo actúa sempre a remolque e trata de impulsalas”.
Neste senso, Bas lembrou, ante o anuncio de precintado do paseo da Portela e do encargo da redacción dun proxecto para a súa imprescindible reparación, que no pleno do pasado mes de outubro o seu grupo xa denunciara o mal estado desta senda de madeira pola falta de mantemento dos últimos anos e reclamaran unha inspección técnica, a clausura da pasarela ante o risco real de accidente para os seus moitos usuarios e a execución das obras necesarias para o seu arranxo.
“Non nos fixeron nin caso, pensando que os estabamos atacando a eles cando en realidade só queríamos defender a integridade dos veciños e perdéronse uns meses preciosos no que isto xa podía estar solucionado”, manifestou o edil popular, que cre que Redondela “atópase cun goberno esgotado e desgastado e que adica todo o seu tempo a perder o tempo, porque o que pasa con este paseo é extensible a todos os temas que levamos a pleno e, ao final, só acertan cando rectifican e fan caso das nosas peticións”.
Por outra banda, Javier Bas tamén exemplificou esta situación co caso da unidade móbil de expedición do DNI e do pasaporte, “que non é a solución, porque Redondela ten que ter unha comisaría de distrito da Policía Nacional, pero que mentres tanto é imprescindible para moita xente que non pode desprazarse, principalmente os maiores e os mozos sen vehículo”. Neste senso, e dado que foi posta por Digna Rivas como a alternativa á deficiente atención policial, denunciou no pleno de decembro que levaba sen acudir á vila desde o pasado setembro “e novamente, e grazas á nosa petición, reactivouse este servizo no 2026”.









