A “Asemblea en defensa da sanidade Redondela” e o Colectivo MODEPEN, (Movemento pola Defensa das Pensións) co obxecto de animar e facilitar a presenza da veciñanza na mobilización que terá lugar o domingo 1 de febreiro en Sanatiago, poñen a disposición un servizo de autobuses. A saída será dende Chapela ás 10:00h cun prezo por persoa de 5 euros. Información de reserva de plaza a través dos teléfonos 616 63 57 08 e 638 25 99 74.
Tras a xuntanza celebrada este luns no Multiusos de Redondela para expoñer a situación xeralizada do deterioro e colapso dos centros de saúde adscritos a área de Redondela, dos servizos sanitarios públicos que afecta a tódolos niveis asistencias, acordaron apoiar a SOS Sanidade Pública que convoca unha manifestación en defensa da sanidade pública baixo o lema “Máis sanidade pública”, que terá lugar o domingo 1 de febreiro ás 12:00 horas, con saída dende a Alameda de Santiago de Compostela.
A convocatoria responde á grave situación que atravesa a sanidade pública, con problemas persistentes como o aumento das listas de agarda, a falta de persoal sanitario, a sobrecarga da atención primaria e o deterioro progresivo da calidade asistencial.
SOS Sanidade Pública alerta de que esta situación afecta directamente ó dereito da cidadanía a unha atención sanitaria pública, universal e de calidade. Con esta mobilización, esixen ás administracións medidas urxentes e efectivas para reforzar a atención primaria, incrementar a dotación de persoal sanitario, mellorar as condicións laborais do persoal e garantir o acceso equitativo á sanidade pública.
Dende a “Asemblea en defensa da sanidade Redondela” fai un chamamento á cidadanía a participar de forma masiva nesta manifestación para defender un sistema sanitario público forte, digno e suficiente para toda a poboación.









