Hoxe é Venres 23 de Xaneiro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

De Chapela aos escenarios: SPT debuta este sábado cun concerto en Vigo

SPT

A banda de hardcore e metal SPT (Society’s Purity of Terror), orixinaria de Chapela, estrearase en directo este sábado 24 de xaneiro ás 21:00 horas no local El Contra Bajo, situado na rúa Venezuela número 7 de Vigo. Este primeiro concerto marca un fito para o grupo, que tras un período de composición e gravacións, dá o salto aos escenarios cun repertorio que mestura cancións orixinais con covers clásicos. A entrada custará 5 euros, convidando ao público a apoiar esta nova proposta musical redondelá.

Formada por músicos con raíces na tradición musical local, SPT combina influencias do metal clásico e alternativo cun toque persoal que reflicte as súas experiencias vitais. Gabriel, vocalista e letrista principal, explica que moitas das súas composicións xurdiron da súa propia inspiración: “Todas as cancións que temos, ou a maior parte delas, son escritas por min, aínda que algunhas tamén polo baixista”. O cantante, quen tamén toca a trompeta no conservatorio e na banda de música de Chapela, subliña o carácter reivindicativo das súas letras: “As que máis me gustan son as escuras e tenebrosas, como Dark Side. Tamén temos Heart of Guns, que se basea na visión dun soldado na guerra, falando de masacre e destrución”. Engade que Yellow and Red, unha das súas pezas máis recentes, está inspirada no seu país, España: “Teño raíces nixerianas, pero son orixinario de aquí. Decidín facer unha canción para o país no que vivo, e esa é Yellow and Red, pola bandeira”.

O baixista Diego, quen ademais toca o bombardino na banda de Chapela, comparte a súa visión sobre as influencias do grupo: “Bandas como Slipknot ou Korn son referentes, porque tratan temas escuros como a depresión e a ansiedade”. Mencionan Fallen, unha canción máis calmada que se asemella a unha nana: “Fala da depresión, da ansiedade, desa xente que sofre e está soa, afundíndose nun bucle infinito”.

Breo, o guitarrista autodidacta, destaca o seu gusto polo heavy metal español clásico: “A miña banda favorita é Tierra Santa, polos temas históricos. Tamén Avalanche e Barón Rojo”. Fala con orgullo dos solos de guitara que están moi traballados e que poderemos gozar no directo: “Os solos melloran moito no directo, farei arranxos distintos que demostran a nosa evolución”.

David, o manager do grupo, quen toca a gaita e é membro da Rondalla de Bembrive encárgase da loxística e promoción: “Encárgome de falar coas administracións dos bares, dos concertos, dos presupostos e das entradas”, cunha bagaxe na música folclórica galega, ve potencial na diversidade do grupo: “Cando entrei, pensei que habería discusións nas composicións, porque veño do folclore galego, pero creo que aportarei a miña visión”.

Anuncian ademais plans futuros: “temos a idea de facer un disco inspirado nos nosos diferentes estilos, merchandising, como camisetas e chapas, para apoiar o proxecto e seguimos buscando novos locais nos que poder tocar. Gustaríanos actuar en Redondela pronto”.

Para este debut, SPT preparou un set dunha hora aproximada, con cinco covers coñecidos como Californication dos Red Hot Chili Peppers, smell like teen spirti de Nirvana, Livin’ on a Prayer de Bon Jovi ou Another one bites the dust de Queen, xunto a trece cancións orixinais melloradas.

O grupo recoñece os nervios iniciais, pero confía na súa experiencia escénica: “tocar no conservatorio ou nunha banda de música aporta moito e curte, aínda así é distinto a estar nós sos no escenario co proxecto. O que si que prometemos é espectáculo propio do noso estilo”.

SPT, que non se encaixona nun só subxénero –”Somos como Queen, tocamos de todo”–, busca conectar co público a través de temas sociais como o sistema educativo, a guerra e a saúde mental. Tras este concerto, teñen confirmada outra data o 7 de febreiro no mesmo local. A banda convida a todos os afeccionados ao metal a asistir e apoiar o seu despegue: “Quen queira vir e apoiar ao grupo para que poidamos sacar os nosos proxectos propios, está totalmente invitado”, conclúe David.

Para máis información, pódese consultar as súas gravacións en YouTube ou seguir as súas redes.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará