O noso mar é un ben de riqueza infinita, capaz de inspirar de innumerables formas, pero sobre todo merece o noso respecto e coidado. Iso é precisamente o que fai Claudia Nucarva a través do seu proxecto AURARTE: inspirarse nas nosas costas para crear arte sustentable, mentres contribúe activamente á súa preservación, transformando residuos mariños en pezas únicas que nos invitan a reflexionar sobre o noso impacto ambiental.
Claudia integra no seu proxecto unha especial sensibilidade cara a materiais marcados polo paso do tempo e pola acción do mar. Percorre praias de Galicia e Asturias recollendo plásticos, microplásticos, cabos, redes e vidros erosionados para facer xoias únicas. O proceso creativo de AURARTE é totalmente artesanal e sustentable, reflectindo un compromiso coa economía circular: “O primeiro que fago é facer limpeza nas costas. Logo, clasifico o material escollendo o que si que considero que se pode aproveitar, para logo manipulalo no taller. Os parto con alicates e tesoiras e todo fágoo a man, introducindo ese material reciclado en moldes ou cápsulas de resina derivadas da celulosa que é respectuosa co medio ambiente”. Esta resina, similar á usada en táboas de surf, garante durabilidade sen comprometer o planeta: “O que me interesa é que as pezas sexan únicas pero tamén que poidan durar moito“.



As pezas de AURARTE son diversas: aneis, pendentes, colgantes, chaveiros e mesmo totebags co lema do proxecto. Todas diferentes, inspiradas na estética xaponesa do wabi-sabi, que valora a imperfección e a beleza do erosionado. As cores xogan un papel clave: “o desgaste no plástico xera cores pálidas moi bonitas e os tons morados ou lilas son difíciles de atopar. O que me gusta e combinalos para crear sensacións e ideas concretas”.
Entre as coleccións destaca “Limpa Mar”, unha homenaxe crítica ao desastre do Prestige en 2002, con fondos negros que evocan o petróleo derramado. Tamén hai pezas dedicadas á recente “marea branca” de pellets en 2024: “Nestas pezas soamente destacan os pellets, as famosas boliñas brancas das que están feitas os envases de plástico, e que desgraciadamente a nosa costa está repleta delas”.


Noutros deseños, os fondos transparentes simbolizan un mar limpo, como un apunte esperanzador: “Cando deixo o fondo transparente, tamén busco dar a sensación dun mar limpo, como guiño de que polo menos os residuos que eu quito das praias xa non están nas nosas costas”.
Máis aló da estética, AURARTE busca xerar conciencia e convida á acción colectiva: “Para min é unha forma de canalizar de forma artística a miña frustración ante a gran problemática mundial dos residuos plásticos. Gustaríame ver que nos responsabilizamos do noso consumo, porque xa non se trata de limpar as praias dos residuos, senón de intentar evitar o consumo deles. Que cando vaian a comprar calquera produto, analicen de onde provén, como foi a súa fabricación”.
Actualmente, as pezas de AURARTE están dispoñibles en tendas como Bradouro, en Redondela (Praza Figueroa), e en puntos de venda de toda Galicia, ademais de encargos a través de Instagram (@aurarte___), onde se realizan e envían pedidos personalizados.










