Asegura o PP que un dos lugares preferidos polos ladróns é o estacionamento de Vilavella
Os populares falan dun “importante incremento dos delictos e a inseguridade cidadá en Redondela”. Poñen cifras a este incremento e aseguran que os roubos en vivendas medraron un 150% mentres que as sustraccións en vehículos -principalmente no parking de Vilavella- teríanse incrementado nun 266% ao longo do pasado ano. Enmarcan nesta situación de inseguridade os recentes episodios de roubo de gasóleo nos camións estacionados en Chapela e volven esixir unha Comisaría de Distrito e o reforzo da presenza policial.
O grupo municipal do PP de Redondela vén de insistir na necesidade de que o Concello esixa ao Ministerio do Interior a dotación completa dunha Comisaría de Distrito da Policía Nacional e que reforce o corpo da Policía Local, que é da súa exclusiva competencia, ante o importante incremento dos delictos e da inseguridade cidadá.
Os populares destacaron que os recentes casos de roubos reiterados de gasóleo a moitos camións estacionados nas avenidas de Chapela, e que veñen de ser denunciados polos transportistas afectados, son “unha mostra do forte aumento da criminalidade no concello, especialmente no que atinxe aos delictos que máis preocupan aos veciños, como son os roubos con violencia”.
A formación liderada por Javier Bas amosa o seu apoio e solidariedade cos camioneiros que están a padecer esta vaga de sustraccións de combustible e lembra que esta situación vén sumarse aos roubos con forza en vivendas “que aumentaron un 150% ao longo do pasado ano 2025 e as sustraccións en vehículos que o fixeron nun 266%”. Neste último caso, salientan que a contorna do parquin do Convento está a ser un foco especialmente intenso nos roubos nos coches, o que está a motivar a preocupación e as queixas dos residentes nesta zona.
Por iso, o PP anunciou que vai seguir insistindo “as veces que faga falta” na necesidade de reforzar a presenza da Policía Nacional cunha Comisaría de Distrito, “xa con esta instalación e cos medios humanos precisos estamos convencidos de que Redondela pode recuperar a tranquilidade que se está a perder nos últimos tempos”.









