O acordo entre o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e os representantes das Confrarías, acadado na xuntanza celebrada onte, permite ao sector respirar aliviado. Retíranse así requisitos como a obriga de avisar catro horas antes da chegada da embarcación a porto ou a necesidade de declarar capturas ainda que non chegasen aos 50 kilos.
Representantes da confraría de Redondela desprazáronse na xornada de onte a Madrid nunha xornada de mobilización que buscaba presionar ao Ministerio para que flexibilizase as medidas do regulamento de control que entraron en vigor o pasado día 10.
Unhas protestas e unha negociación que lograron os seus obxectivos. Así, España relaxará as medidas iniciais. Isto significa que os erros ou omisións nas estimacións en capturas inferiores a 50 kilos non constituirán infracción. Así nolo explicaba o vicepatron da Confraría de Redondela, Fran Pereira.
Tampouco será necesario avisar con catro horas de antelación de que se vai entrar en porto e esa comunicación poderá darse no momento no que o buque acabe de traballar e poña rumbo a porto independentemente do tempo que tarde en chegar.
Agradece esta rectificación xa que de manterse estas medidas o sector veríase moi negativamente afectado. Lembra que cada día son menos as persoas que se dedican a este oficio pola enorme burocracia que require e que se suma ao descenso de capturas e a outros problemas.









