O equipo do Pazos FS que milita na Terceira División fíxose cos puntos en xogo no partido disputado esta fin de semana ante o Marín. Pola súa banda o RedondelaFs caía 8-1 ante o Cidade de Narón. En Preferente hai que salientar a vitoria do Redondela por 6-3 ante A Quinta de Tui e o empate asinado polo filial do Pazos e o Campito Chapela.
Pazos FS 5-3 Marín Futsal
Na Terceira División Nacional, falamos dunha nova vitoria do primeiro equipo do Pazos por 5-3 ante o Marín Futsal. Un partido que se disputaba no campo do Pazos e que arrancaba cunha homenaxe a Daniela, Ale, Luki, Laura, Anxo e Éric, os 6 representantes da Sociedade Deportiva Pazos no campionato galego que se disputou o pasado decembro.
Arrrancou a continuación o encontro no que os de Matilla tomaron vantaxe na primeira parte e souberon controlar os empurróns do equipo morracense nos intres finais. Os goles de Jacobo, Luis, Martín e Costas permitiron dar a vitoria ao equipo local que se sitúa na oitava praza da clasificación.
Encontro importante de cara a vindeira semana cando visitarán o campo do líder da categoría, o Composala.
Cidade de Narón 8-1 Redondela FS
Na mesma categoría, o Redondela FS caía ante o Cidade de Narón. Os redondeláns, inmersos na loita pola permanencia tentarán na vindeira fin de semana sumar puntos nun partido que disputarán na casa ante o Outeiro de Rei.
Pazos de Borbén “B” 3-3 Campito Chapela FS
En Preferente, o derbi local entre o Campito Chapela FS e o filial do Pazos de Borbén FS “B” saldouse cun empate a tres goles.
Redondela FS 6-3 A Quinta de Tui
Vitoria contundente para o Redondela FS que se impuxo claramente ao equipo visitante, A Quinta de Tui, nun encontro que rematou cun 6-3
Na vindeira semana o Campito recibe ao Marín. Os outros dous equipos xogarán fóra da casa, o Pazos B visitará o campo do Poio Pescamar mentres que o Redondela xogará na casa do Abetos Gondomar









