Hoxe é Xoves 22 de Xaneiro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Veciños en loita para esixir a reapertura do Camiño de Soutelo pechado por un particular

soutelo

A veciñanza de Cedeira denuncia que un particular pechou as escaleiras que permitían acceder ao litoral. Exoplican que, malia existir xa unha sentenza que avala o seu uso público, lonxe de reabrir o camiño este particular foi máis aló “apropiándose tamén de parte da estrada asfaltada de Soutelo de titularidade municipal e que dá acceso ao camiño pechado previamente”. Alertan ademais da existencia dun informe municipal que corrixe os anteriores en favor dos intereses deste particular. Instan ao Concello a actuar en defensa dos intereses públicos.


Malia contar xa cunha sentenza que avala o uso público do camiño do Soutelo, o propietario decidiu recorrer o fallo do tribunal e deu un paso máis na súa apropiación ao facerse con parte da estrada asfaltada de Soutelo “que está inventariada como propiedade municipal no concello” segundo explica Fermín Fernández.


Uns feitos que denuncian dende a Asociación en defensa de Soutelo-Ragasenda que este domingo celebra unha asemblea no Centro Cultural de Cedeira ás 11:00 horas para informar da situación deste conflicto. Ao seu entender trátase dun atropelo a un espazo que debería ser de uso público xa que o peche deste camiño “de facto, supón a privatización do mar”.


En todo este proceso critican tamén que o criterio do concello teña mudado xa que existen “informes contradictorios” emitidos polos técnicos municipais. Explica Fernández que “hai un informe do ano 2021 que concorda con todos os planos existentes ata ese ano, e a continuación hai unha manipulación dun plano no que a finca privada se apropia tando do camiño que baixa ao mar como de parte da estrada asfaltada”.


Aseguran que levan sete meses agardando por unha resposta do goberno local sobre esta modificación de informes e que aínda non obtiveron resposta ante unha situación que entenden é de enorme gravidade porque supón “que o Concello lle estea regalando un terreo público inventariado a un particular”.


O domingo presentarán toda a documentación da que dispoñen e que “demostra que houbo unha apropiación indebida dun espazo público”. O obxectivo da reunión tamén é trazar estratexias para que ese camiño volva ter un tránsito público como tiña anteriormente.


Lembran que pechar este acceso impide o paso aos mariñeiros, ás mariscadoras que traballaban na zona e a veciñanza en xeral que se ven privados do seu dereito de acceder a esta zona do litoral.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará