Foto: Visita do Conselleiro ás instalacións
As carencias denunciadas pola Anpa afectan principalmente á zona de recente ampliación inaugurada pola Xunta o pasado mes de setembro e que continúa sen acceso á rede wifi catro meses despois. Con todo, segundo explican dende a comunidade educativa, os problemas van moito máis aló xa que o sistema de calefacción non da abasto para quecer toda a superficie nin se acometeu o arranxo da cuberta do pavillón que presenta pingueiras e limita o seu uso en días de chuvia. Esixen á Consellería de Educación que acometa de xeito urxente as medidas precisas para corrixir estas deficiencias.
A ampliación das instalacións do IES Pedro Floriani foi inaugurada nun acto oficial encabezado polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez González, e no que tamén participou o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Ares no inicio de curso esupuxeron unha mellora no centro educativo ao dotalo de máis espazos para impartir as clases de Bacherelato, Ciclo Básico de Instalacións electrónicas e un taller de tecnoloxía. Con todo, estas novas instalacións presentan numerosas eivas que dificultan o desenvolvento axeitado das aulas.
Así, malia tratarse dunha obra recentemente inaugurada e cun investimento próximo aos dous millóns de euros, a comunidade educativa denuncia que a día de hoxe seguen arrastrándose problemas derivados “dunha evidente mala planificación da ampliación”. Neste sentido, apuntan dende a ANPA que un dos problemas máis preocupantes é o relacionado coa caldeira e o sistema de calefacción, que non foron dimensionados para atender a nova superficie construída. Esta carencia está a repercutir directamente no benestar do alumnado e do profesorado e, de non adoptarse medidas inmediatas, “podería derivar en solucións provisionais impropias e inadmisibles dunha obra recentemente inaugurada, unha situación que é preciso evitar para garantir que os nosos fillos e fillas non pasen frío”.
Outra das deficiencias céntrase na falta de rede na zona da ampliación, que carece aínda a día de hoxe de conexión wifi, o que supón unha nova carencia que pon de manifesto a falta de coordinación e planificación pola Consellería nesta reforma e que obriga ao profesorado a ter que empregar os datos dos seus dispositivos electrónicos particulares para fornecer de internet aos portátiles e ás pantallas dixitais.
Do mesmo xeito, a actuación resultou incompleta ao non contemplar a renovación da cuberta do pavillón deportivo. As choivas destes días “están a provocar goteiras que impiden o uso normal da instalación, limitando a actividade educativa e deportiva e poñendo de manifesto a urxente necesidade de renovar a cuberta e modernizar as instalacións”.
A comunidade educativa do IES Pedro Floriani e a Federación de Anpas de Redondela esixen a Consellería de Eduacación solucións reais e definitivas, con carácter de urxencias acordes co investimento realizado e co dereito do alumnado a recibir a súa educación en condicións dignas, seguras e adecuadas.










