Hoxe é Venres 23 de Xaneiro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Carla Abad: “Galicia consolidouse como potencia nacional de balonmán e soñamos con ser os primeiros”

611862258_1294528342704313_345537644289059152_n

A selección galega de balonmán pechou unha participación histórica no Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA) 2026, disputado en Blanes (Xirona) do 3 ao 8 de xaneiro, ao lograr a segunda posición no ranking xeral de todas as categorías, só superada por Cataluña, a gran potencia anfitrioa. Os resultados máis salientables da expedición galega foron unha prata do xuvenil masculino, un bronce do cadete masculino e un moi meritorio 4º posto do infantil feminino, que rozou o podio nunha categoría moi igualada.

Carla Abad, vicepresidenta da Federación Galega e adestradora no Club SAR, destacou o gran nivel alcanzado pola selección galega e o crecemento experimentado nos últimos anos. “Galicia consolidouse como potencia a nivel nacional de balonmán de base, sendo a segunda comunidade autónoma con mellores resultados”, afirmou Abad, quen subliñou que este ano se cumpriu o obxectivo principal de ter todas as seis seleccións no Campeonato de España (sen ningunha en Copa), algo que só Cataluña logrou xunto con Galicia.

A adestradora redondelá tamén valorou positivamente o traballo colectivo: “Seguimos medrando cada ano, porque se nota a nivel competitivo que dimos un salto nos últimos anos. Estes son os mellores resultados ata o momento en canto a consistencia global”.

Respecto ás medallas, explicou que o ano pasado acadáronse dous bronces e unha prata, pero con dúas seleccións en Copa; este ano, con maior calidade xeral, catro equipos loitaron por podio, aínda que só se materializaron a prata xuvenil masculina e o bronce cadete masculino.

Abad tamén fixo fincapé no esforzo loxístico da expedición —96 xogadores e un total de 140 persoas entre técnicos, fisioterapeutas, enfermeira e persoal de apoio— e na dura viaxe en autobús a Cataluña, con seis días intensos de competición diaria. “É mover moitos rapaces e rapazas, pero o importante é que imos polo bo camiño”, sinalou.

O municipio de Redondela volveu ser un dos máis representado na expedición autonómica, achegando 11 deportistas dos clubs SAR Balonmán, Balonmán Chapela e AS Choqueiras de Redondel. Abad destacou a representación redondelá en case todas as categorías (agás infantil masculino, onde si houbo presenza técnica con Lucía Pérez) e considerou que aínda hai marxe de crecemento.

Os clubs implicados expresaron o seu enorme orgullo por estes resultados, que consideran a recompensa a un traballo serio e planificado ao longo da tempada. Para a Federación Galega, este segundo posto no ranking xeral é “un paso moi importante” que recolle anos de esforzo con clubs, xogadores, xogadoras e técnicos. “É o reflexo de que o balonmán galego está de boa saúde, seguimos medrando e soñamos con ser a primeira potencia a nivel nacional“, concluíu Carla Abad.

Co foco xa posto nas Ligas que retoman esta fin de semana —tras o merecido descanso da semana pasada para evitar lesións—, o balonmán formativo galego demostra estar nunmomento doce e con proxección de futuro.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará