O Concello de Redondela fai balance do ano 2025 e o resume nunha palabra: produtivo. A rexedora local, Digna Rivas, amósase “satisfeita co traballo feito, especialmente polos novos servizos sociais pioneiros e polos grandes proxectos urbanísticos que xa son unha realidade ou están a piques de selo”.
Avances en servizos sociais
O goberno local destaca poñer en marcha varios programas innovadores no departamento de Servizos Sociais:
- Atención inmediata ás vítimas de violencia machista: Creouse un servizo de “Atención e coidado inmediato” dispoñible os 365 días do ano. Non só apoia ás mulleres, senón tamén aos fillos e fillas e aos maiores dependentes que estean ao seu cargo. Ademais, o Concello está a pechar un acordo para ofrecer un piso de acollida a aquelas vítimas que teñan que abandonar a súa casa con urxencia.
- Protección ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF): Redondela foi dos primeiros concellos en asinar un protocolo cos sindicatos e coa empresa para protexer ás coidadoras. Este acordo establece medidas claras para evitar riscos no seu traballo diario nos domicilios e permite interromper o servizo se detectan unha situación perigosa. “As traballadoras non poden traballar con medo e adiantámonos á Xunta de Galicia para facelo”, defende Rivas.
- Novo servizo de Atención Temperá: En colaboración con Soutomaior, Pazos de Borbén e Fornelos, Redondela puxo en marcha un servizo comarcal de Atención Temperá para nenos e nenas de 0 a 6 anos con necesidades especiais. As sesións faranse en Redondela e os pequenos accederán a través do seu pediatra. O obxectivo é darlles unha atención precoz e no seu entorno máis próximo. Este servizo comezará a funcionar xa no primeiro trimestre de 2026 e será un referente na comarca.
Os proxectos urbanísticos
En paralelo, 2025 tamén deixou unha boa lista de obras e proxectos que melloran o día a día dos veciños e veciñas:
- Compra de Villa Elisa: O Concello adquiriu este edificio emblemático por unha contía de 659.000 euros que pasará a ser patrimonio público. Alí instalarase a nova biblioteca municipal, espazos culturais e un xardín aberto para todos.
- Segundo tramo da Vía Verde en Chapela: Compleouse esta senda peonil e ciclista que mellora a mobilidade na parroquia e crea novas zonas de descanso e lecer.
- Reforma do campo municipal de Santa Mariña: As instalacións deportivas, que estaban bastante obsoletas, recibiron unha mellora importante.
- Melloras no Salgueiral: No centro da vila aumentouse a seguridade peonil e renovouse esta zona tan concorrida.
- Proxecto do camiño Cidadelle: Rematouse o proxecto técnico para reformar integramente este camiño en Chapela, onde se crearán sete miradoiros con bancos e espazos de lecer. As obras comezarán en 2026.
- Licitación do proxecto da avenida Mendiño: Xa se sacou a concurso a redacción do proxecto para transformar esta importante vía.
Ademais, a alcaldesa tamén salienta a creación da nova concellería de Memoria Democrática, da que ela mesma é responsable. Esta área traballa na difusión da historia da illa de San Simón –declarada Lugar de Memoria Democrática polo Goberno central– para “frear o discurso da ultradereita que branquea o réxime franquista”.









