Redondela despediu o ano 2025 de xeito anticipado cunha exitosa macrofesta no Campo da Feira, que converteu o recinto nunha enorme pista de baile dedicada aos grandes éxitos dos anos 80 e 90.
Achegáronse centos de persoas de Redondela e de toda a contorna para celebrar as campanadas adiantadas nun ambiente cheo de nostalxia e diversión. A cita, que arrancou ás 21:00 horas e se prolongou ata as 03:00 da madrugada, contou con música en directo da disco móbil CDC, o DJ local Rodri Vegas e a banda Nuevo Plan, que fixo revivir clásicos do pop e rock español e internacional.
O evento, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Redondela, incluíu o reparto gratuíto de uvas da sorte e as tradicionais doce badaladas guiadas por Rodri Vegas como mestre de cerimonias. Segundo a Policía Local de Redondela, a celebración transcurriu sen incidencias e sen ningún suceso reseñable. A alcaldesa, Digna Rivas, destacou o éxito da celebración, na que familias e amigos se reencontraron para gozar xuntos antes de rematar o ano.











