O Concello de Soutomaior prepárase para despedir o 2025 e dar a benvida ao 2026 por todo o alto coa súa programación especial na Carpa de Nadal instalada na Alameda de Talo Río, un espazo climatizado perfecto para gozar en familia sen importar o tempo.
A xornada do 31 de decembro comezará pola tarde, ás 17:30 horas, cun espectáculo dirixido ao público infantil: “A bailar para rematar o ano” da compañía Amimart. Unha proposta chea de música, baile e diversión para que os máis pequenos despiden o ano con enerxía e sorrisos.
Xa entrada a madrugada, a partir das 00:30 horas, arrincará a Gran Festa de Fin de Ano, unha celebración gratuíta que promete non deixar a ninguén parado. Os encargados de poñer a banda sonora á noite serán o Trío Tic-Tac, un grupo galego especializado en música de baile e festas, coñecido pola súa animación e repertorio festivo que fai bailar a todas as xeracións.
A partir das 02:15 horas tomará os mandos La Yaya DJ, unha DJ local que mestura con habilidade os temas de onte e hoxe, garantindo un ambiente cheo de enerxía. Finalmente, ás 04:15 horas, chegará un reto musical cargado de sorpresas para pechar a noite por todo o alto.
A festa, de entrada libre, contará con carpa climatizada, roupeiro, cotillón, baile, retos musicais e moitas sorpresas máis, convertendo a Alameda de Talo Río nun punto de encontro ideal para celebrar a Noitevella en Soutomaior.
O Concello invita a toda a veciñanza e visitantes a unirse a esta programación pensada para todos os públicos, cunha tarde para os nenos e unha noite inesquecible de música e diversión para dar a benvida ao 2026.

Máis de 100 maiores gozan no tradicional Baile de Nadal de Soutomaior
Máis de cen persoas maiores de 55 anos do concello de Soutomaior participaron na pasada noite no Baile de Nadal organizado polo Concello na Casa do Pobo do Val Sobral. O evento, que se prolongou desde as 18:00 ata as 20:45 horas, contou coa animación musical do Dúo Visión, que fixo soar temas clásicos como “Chacacha del tren” do Consorcio, “Solo te pido” de Manolo Escobar, “Cada día máis linda” de Pimpinela ou “Cavalinho” de Pedro Sampaio. A festa completouse con cotillón, chocolate quente acompañado de rosca e doces típicos de Nadal, e un servizo de autobuses gratuítos desde Arcade e os diferentes barrios para facilitar a asistencia sen necesidade de usar vehículo propio.
Esta cita converteuse nun dos momentos destacados da programación de Nadal de Soutomaior, e serviu de preludio ás celebracións de Fin de Ano.









