Como xa é tradición, Redondela despedirá hoxe o ano de xeito anticipado cunha macrofesta no Campo da Feira que converterá o recinto nunha enorme pista de baile dedicada aos grandes éxitos dos anos 80 e 90.
A cita arrancará ás 21:00 horas e prolongarase ata as 03:00 da madrugada, cun programa cheo de música en directo e sesións que farán revivir os “temazos” que marcaron toda unha época. Os protagonistas musicais da noite serán a disco móbil CDC, o DJ local Rodri Vegas e, especialmente, a banda Nuevo Plan, que traerá o seu repertorio de pop e rock con temas clásicos españois e internacionais.
Nuevo Plan, formación con ampla traxectoria, compartiu escenario ao longo da súa carreira con algúns dos nomes máis grandes da música española como Burning, La Unión, Nacha Pop, La Guardia, Loquillo, Mikel Erentxun ou Siniestro Total, entre outros. Esta experiencia garántelles un directo enérxico e cheo de hits que farán cantar e bailar a varias xeracións.
Ao longo da noite soarán os grandes éxitos do pop e rock da movida madrileña e das bandas internacionais que dominaron as listas daquelas décadas, mesturando nostalxia e diversión nun ambiente festivo.
O evento, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Redondela, incluirá as tradicionais uvas da sorte, que se repartirán de balde entre os asistentes. Rodri Vegas actuará tamén como mestre de cerimonias e guiará o momento máis esperado: a despedida do ano con 24 horas de antelación ao son das doce badaladas.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, animou á veciñanza a participar nesta celebración: “É un evento no que amizades e familias poderán aproveitar para reencontrarse, divertirse xuntos e gozar do mellor ambiente posible antes de rematar o ano”.
A entrada é libre e o Campo da Feira agarda converterse nun punto de encontro masivo para cantar, bailar e recibir o 2026 cun sorriso revivindo a mellor música de sempre.









