Hoxe é Martes 27 de Xaneiro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela investirá preto de 400.000 euros na reforma do pavillón de Reboreda

pavillón 1

As instalacións son empregadas polos alumnado do CEIP da parroquia así como por diferentes clubs deportivos e presentan numerosas deficiencias. A actuación prevista inclúe a renovación total da pista deportiva, que será de tarima, a reforma dos vestiarios e a mellora da accesibilidade cun novo acceso desde o exterior.
O Concello de Redondela vén de presentar o proxecto para as obras de reforma e modernización do pavillón municipal de Reboreda por un importe de 388.000 euros. As obras centraranse en tres eixos principais: a renovación da pista deportiva coa instalación de tarima que garanta a seguridade dos deportistas e optimice a práctica das distintas disciplinas; a modernización dos vestiarios cunha reforma integral das zonas de cambio e aseo, mellorando o confort e a eficiencia enerxética; e a mellora da accesibilidade coa creación dunha nova entrada desde o exterior para garantir a mobilidade e mellorar a experiencia do público que acode a presenciar os eventos. Tamén se reformará o almacén para facelo máis operativo e renovarase toda a instalación eléctrica.
A alcaldesa, Digna Rivas, explica que actualmente as instalacións “están deterioradas polo paso do tempo e a pista non reúne boas condicións para a práctica deportiva”. Por outra banda, os vestiarios están “obsoletos” e “non son accesibles para persoas con mobilidade reducida”. Tras a reforma Reboreda contará complexo deportivo “totalmente renovado, eficiente e acorde ás necesidades do século XXI”.
A nova pista de tarima de madeira deportiva instalarase sobre compoñentes elásticos específicos para este tipo de instalacións. Os vestiarios serán totalmente renovados e contarán cunha cabina adaptada para persoas con mobilidade reducida. A mobilidade mellorará cun novo acceso desde o exterior para evitar que o público teña que entrar polo corredor de vestiarios. Nesta nova porta crearase unha pequena rampla para facer a entrada máis accesible. Co obxectivo de mellorar a iluminación e facela máis sostible, o proxecto inclúe a renovación de toda a instalación eléctrica, con novo cableado e iluminación con tecnoloxía LED de baixo consumo. A reforma do pavillón contempla tamén a división do almacén en tres espazos independentes para facelo máis operativo. O proxecto presentouse ao III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra para acadar o financiamento necesario.
Lembran dende o goberno local que o pavillón de Reboreda é unha peza fundamental ns vida da parroquia xa que as súas instalacións son empregadas polos clubs de fútbol sala Casa Paco, Campito e Redondela, ademais de Meigarco. O pavillón municipal é empregado tamén a diario polo alumnado do CEIP de Reboreda para realizar a actividade de Educación Física, ao carecer o centro de instalacións deportivas propias da Consellería de Ensino.
Con este proxecto o Concello reafirma o seu compromiso co deporte base e a educación, asegurando que rapazada e adultos dispoñan de instalacións cómodas e seguras. “Queremos que usuarios e público desfruten dun pavillón funcional, eficiente e moderno para toda a parroquia”, sinalan dende o Concello.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará