Hoxe é Venres 26 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os veteráns do CasaPaco reúnense nun partido solidario

WhatsApp Image 2025-12-26 at 13.49.36 (1)

Foto de arquivo do ano pasado

O Grupo Casa Paco 81 prepara para mañá sábado 27 de decembro unha das súas citas máis esperadas do Nadal: o partido amistoso de veteráns contra os do CD Arcade, que se disputará ás 11:00 horas no campo municipal de Ponte Sampaio. Os ex-xogadores que deron os primeiros pasos no club reúnense unha vez máis nun encontro cheo de emoción, recordos e anécdotas, que rematará cunha comida con pinchos para prolongar a xuntanza e no que se recolleran alimentos non perecedoiros para Cáritas. Manolo Conde, fundador do club, insiste en manter viva esta tradición que permite aos pioneiros do club volver sentir o balón nos pés e fortalecer os lazos de amizade.

O partido servirá tamén para dar un último impulso á recollida solidaria de alimentos non perecedoiros que o club mantén aberta ata o próximo 30 de decembro. Os donativos poden entregarse no Multiusos da Xunqueira, onde o Casapaco centralizou a recollida. Todo o recadado irá destinado a Cáritas Redondela, nunha iniciativa que o club redondelán impulsou hai anos como pioneiro na comarca e que hoxe comparten moitos outros equipos.

Nas últimas semanas o Casapaco viviu outros momentos destacados destas festas. O pasado sábado entregouse a placa conmemorativa anual ao lucense Manuel Mourelos, un referente histórico do fútbol base de Lugo con máis de medio século dedicado ao adestramento. O acto, que tivo que celebrarse na sede do club por mor da choiva, resultou especialmente emotivo coa presenza de familiares do homenaxeado, membros da directiva e varios nenos do Casapaco. A placa, fabricada nunha xoiería local, recoñece a traxectoria dun home que encarna os mesmos valores que defende o club: deporte, convivencia e amizade.

Mentres, os equipos de base están a gozar dos torneos nadaliños aos que foron invitados e onde os cativos valoran especialmente as medallas e os recordos que levan para casa. Ademais, varios nenos do club participarán na Cabalgata de Reis subidos ás carrozas, e este ano a tradicional postal de Nadal foi deseñada polos alumnos do CEIP Cedeira, cun debuxo seleccionado da pequena Noa que recibiu un agasallo como premio.

Dentro do club tampouco faltan os momentos de convivencia: merendas por equipos, comidas con adestradores e directiva para pechar o ano falando de fútbol e de todo o que rodea esta gran familia. Malia a tendencia xeral á baixa natalidade que afecta a todos os clubs da comarca, o Casapaco mantén unha boa saúde, con nenos que comezan a xogar cada vez máis cedo –ata os dous anos e medio– e con todos os recursos necesarios para que disfruten sen presión ningunha.

Desde o club queren agradecer o apoio constante das familias, socios e colaboradores –como New Balance, que este ano doou material para a causa solidaria– e convidan a toda a veciñanza a unirse á iniciativa.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará