A plataforma polo arranxo da EP2702 decidiu retomar as mobilizacións coa esperanza de que lles caia o “gordo do Nadal” e que se inicien os traballos comprometidos pola Deputación. Condutores e peóns continúan xogándose a vida ante unhas promesas incumpridas que manteñen esta vía nun estado deplorable. A protesta desenvolveuse entre as 9:00 e as 11:00 da mañá, e supuxo cortes na circulación tanto na estrada N-550 entre Redondela e o Porriño como na vía dende o Alto dos Valos ata Amoedo.
As obras comprometidas pola Deputación de Pontevedra para o arranxo da estrada EP2702 que comunica Amoedo-Os Valos continúan sen arrancar. Ante a falta de avances nunha obra que insisten “é imprescindible para garantir a seguridade de peóns e condutores” a veciñanza decidiu retomar as mobilizacións. Aseguran sentirse “enganados” porque malia os compromisos “as escavadoras non chegan e as falsas promesas non se cumpren”. Iván Rodríguez
Non teñen explicación para un atraso que acumula meses porque hai xa máis dun ano que o organismo provincial e o concello de Pazos aprobaran o convenio para acometer esta obra
por valor de preto dun millón de euros que contempla mellorar a seguridade viaria nun tramo de 1,5 km. A Plataforma ademais coninúan reivindicando que é preciso acometer o arranxo integral da vía que conta con 8 kilómetros e entende que é a falta de vontade política o que está demorando o inicio desta actuación.
Lamentan o malestar que as súas protestas poidan xeran entre os condutores pero entenden que é o único xeito de visibilizar as súas demandas que pasan tamén porque se repoñan as sinais que prohibían o paso de vehículos de gran tonelaxe “somos conscientes de que esta estrada é imprescindible para facilitar o transporte aos polígonos industriais, pero primeiro é necesario que a vía se amplíe e se humanice”.
A paciencia da veciñanza está ao límite, e logo de varios meses sen convocar mobilizacións decidiron retomar as protestas para esixir o inicio das obras xa proxectadas e a realización do proxecto para o tramo pendente.











